publicidade hoxe

O Festival Hércules Brass despídese cunha xornada de concertos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaLocal Portada
A-
A+

O Festival Hércules Brass despide hoxe a súa cuarta edición cunha xornada de concertos que dará comezo ás 20:45 horas no claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova e que contará coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O Hércules Brass Ensemble, formado por un elenco de artistas de primeiro nivel, profesores, solistas de orquestras sinfónicas e solistas internacionais, será o encargado de abrir os espectáculos de clausura. Cun repertorio moi variado que vai desde Bach ata Duke Ellington, desde a música música clásica ao swing, o grupo reúne parte do mellor talento do vento metal e a percusión.

A continuación será a quenda do virtuoso trompetista Rubén Simeó e da Banda de Música de Celanova. O artista vigués, que será acompañado maxistralmente por unha das bandas con máis tradición de Galicia, poñeralle o ramo á cuarta edición do festival.

Cuarta edición

Xunto coas clases maxistrais de trombón, trompa, tuba e trompeta dirixidas a preto de 90 alumnos e alumnas, a cargo de recoñecidos intérpretes de dentro e de fóra de Galicia, o festival ofreceu un cartel de nove concertos, que deu comezo o pasado 31 de xullo cun espectáculo a cargo de Fernando Buide, xunto co profesorado do curso, na igrexa de San Salvador. VigBrass Ensemble, Back to Brass, Hércules Brass Quinteto de Metais e Natalia Ensemble foron outras das formacións que participaron na cuarta edición deste encontro.

Concertos e clases maxistrais

O Festival Hércules Brass Celanova é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Xingros, co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Celanova e da Deputación de Ourense, cos obxectivos principais de fomentar o coñecemento e a apreciación musical dos participantes, así como de ampliar e actualizar a súa formación. Así mesmo, entre os fins desta cita está o ofrecer unha programación musical con grupos e artistas de gran talento e cunha posta en escena de calidade e tamén o de dar a coñecer a través da música o patrimonio histórico, literario e cultural da comarca.

A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con iniciativas como o Encontro Galego de Saxofón e o Festival Peregrinos Musicais en Santiago de Compostela, o Festival Merza Percusión e Campamento Musical 3.0 na Agolada ou o Festival Groba en Ponteareas co obxectivo de favorecer espazos de encontro para a formación musical, para a convivencia, para o lecer, para compartir experiencias e para ofrecerlle ao público en xeral programacións musicais diversas e de calidade.

4 de agosto de 2017 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.