publicidade hoxe

O espectáculo “Voos” abrirá a programación de teatro e danza do Auditorio para a volta do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

Inspirada polo xenio creativo e revolucionario de Leonardo Da Vinci, a prestixiosa compañía Aracaladanza leva ao escenario do Auditorio de Galicia unha fermosa proposta onírica que convida ao público a abrir as ás e voar. Voos é un espectáculo de danza contemporánea para público infantil e familiar que pretende, a dicir dos seus creadores, “deleitar os sentidos e convertelos, ao tempo, en ferramentas subversivas coas que cambiar o mundo”. Chega a Santiago nunha única función programada o sábado 9 de setembro, ás 18:30 horas, na Sala Ángel Brage. As entradas, a 10 euros, xa están a venda no portal de Abanca e nos despachos de billetes do Teatro Principal e o Auditorio de Galicia.

Creada en 1995 por Enrique Cabrera, a compañía madrileña Aracaladanza constitúe unha referente da arte escénica española a nivel internacional. O coidado traballo cos obxectos é unha constante da súa proposta artística, que se volve maxistral neste espectáculo co-producido por Teatro de la Abadía, Sadler´ Wells Theatre e Comunidad de Madrid, e no que tamén colabora o Festival Grec Barcelona. De estética renacentista, Voos converte os artefactos voadores ideados polo xenio florentino en protagonistas da acción e achega ao público miúdo outra maneira de experimentar a danza contemporánea.

Enrique Cabrera é o autor e director deste proxecto, finalista dos Premios MAX 2017 nas categorías de Mellor Figurinista e Mellor Espectáculo Infantil e Familiar. Cunha duración aproximada de 50 minutos, conta con música orixinal de Luis Miguel Cobo e coas interpretacións de Carolina Arija, Jimena Trueba, Jonatan de Luis, Jorge Brea e Raquel de la Plaza.

O espectáculo forma parte do programa PLATEA, Programación Estatal de Artes Escénicas, promovido polo INAEM, Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Teatro, monicreques e danza no mes de setembro

A canción do elefante, de Redrum Teatro. O thriller teatral dirixido por Álex Sampaio represéntase do 13 ao 16 de setembro no Teatro Principal. Ernesto Chao, Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez protagonizan a versión galega do texto orixinal The elephant song, de Nicholas Billon. As entradas, a 10 euros, xa están á venda no portal de Abanca e nos despachos de billetes de Teatro Principal e Auditorio.

O arxina e o felo, de Viravolta Títeres. A compañía galega chega ao Principal o domingo 17 de setembro cun espectáculo de monicreques sobre a lingua dos canteiros a partir dun texto de Francisco Rozados “Rochi”. Garabullo e Mangarrias son dous canteiros teimudos que están a construír unha ponte. Durante o proceso, instrúen o seu aprendiz na arte e verbo dos arxinas, ao tempo que un demo burlón trama facerse coas súas almas. A función forma parte do programa Apego, no que participa o Concello de Santiago e que ten como obxectivo estimular o uso do galego como lingua inicial. O prezo das entradas, á venda nas canles habituais, é de 3 euros.

Reencontro, de Choni Cía Flamenca. A arte flamenca de Asunción Pérez “Choni” toma o Teatro Principal o venres 22 de setembro, ás 20:30 horas, co espectáculo Reencontros. Nesta homenaxe, ás persoas e momentos que deixaron pegada na súa traxectoria vital e artística, a bailaora faise acompañar en escena polo cante de Alicia Acuña, a guitarra e zanfona de Raúl Cantizano e a trompeta e percusión de Antonio Montiel. As entradas poranse á venda nos próximos días.

Boneca de porcelana, de Bravo Teatro! e TalyCual. Primeira produción a nivel internacional do texto China Doll, de David Mamet, logo da súa estrea absoluta en Broadway en decembro de 2015. O director Juan Carlos Rubio e o produtor Bernabé Rico fan súa esta ollada ás miserias do poder, que conta con José Sacristán e Javier Godino como protagonistas. No Auditorio de Galicia, o sábado 23 de setembro ás 20:30 horas. Entradas proximamente á venda.

A pequena e grande orquestra, Urdime e Cadena Ser. A verbena da xente miúda ocupa a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o domingo, 24 de setembro ás 18:30 horas. Este espectáculo musical, que tamén forma parte do programa Apego, mestura o repertorio de música infantil máis tradicional cos grandes éxitos que acompañaron nos 90 a toda a xeración Xabarín e as achegas dos grupos musicais que agromaron no país nos últimos quince anos. Entradas proximamente á venda.

18 de agosto de 2017 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.