publicidade hoxe

O DOG a licitación das obras de ampliación das instalacións do Instituto Feiral de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato para a execución das obras de ampliación das instalacións do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Esta licitación responde ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para a realización destas actuacións, que permitirán incrementar a superficie do recinto en 5000 m2.

As empresas teñen un prazo de 26 días naturais, ata o 6 de setembro, para presentar as súas ofertas. As obras, cun orzamento próximo aos catro millóns de euros (3.991.243,96 €), contarán cun prazo de execución de 24 semanas, unha vez sexan adxudicadas. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/kbqpty

Tal e como está previsto, a ampliación do edificio construirase na parcela na que se sitúa o actual recinto feiral e noutra lindante con ela, duns 3.000 m2, que o Concello de Vigo puxo a disposición da Xunta de Galicia para poder levala a cabo.

O proxecto, aprobado no Consello da Xunta do pasado 15 de xuño e tramitado mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, mantén a configuración actual das instalacións engadindo un pavillón anexo ao pavillón número 2 que contará cunha superficie de 5.000 m2.

Ifevi acolle importantes citas como Conxemar, que contou en 2016 con 583 expositores de 43 países distintos; ou Navalia, que prevé reunir na súa sétima edición, programada para 2018, máis de 25.000 profesionais e 500 expositores de todo o mundo.

Estas melloras permitirán abrir novas oportunidades de negocio, beneficiando así ao conxunto do tecido económico empresarial tanto da comarca como de Galicia, e a sectores estratéxicos como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval. Calcúlase que a ampliación terá un impacto nos sectores hoteleiro e hosteleiro de Vigo de máis de dous millóns de euros ao ano.

11 de agosto de 2017 | 14:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.