publicidade hoxe

O delegado da Xunta en Pontevedra comproba o avance das obras de fontanería do CEIP San Xoan Bautista de Cerdedo-Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá o avance das obras de fontanería que se están a executar no CEIP San Xoán Bautista do concello de Cerdedo-Cotobade.

Xunto a estes traballos, tamén se actuará nos próximos días no CEIP de Tenorio, onde se levará a cabo a reforma da cuberta do patio. “Deste xeito, a Consellería de Educación destinará case 60.000 euros a melloras dos colexios do concello de Cerdedo-Cotobade de cara ao inicio do novo curso escolar”, explicou o delegado territorial.

Na visita ao CEIP San Xoán Bautista, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo presidente do concello, Jorge Cubela, así como polo parlamentario, Silvestre Balseiros, o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, o equipo directivo do centro e membros da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación.

En relación a este centro, as obras permitirán reformar a instalación da fontanería do centro, xa que, segundo informaron os técnicos, as conducións da auga son de ferro galvanizado e co paso do tempo e a acción do cloro produciuse o seu deterioro e oxidación interior.

Os traballos están a consistir na creación dunha acometida interna do centro cos elementos básicos e do colector cos circuítos de billas e fluxores. Ademais, tamén se está a colocar unha nova instalación das canalizacións de auga nos baños do centro e na cociña.

O delegado territorial recordou que o ano pasado, investíronse 80.000 euros, en colaboración co concello, neste colexio de cara a construír un muro de contención e acabar coas humidades do centro. “As obras de 2016 supuxeron o pintado do exterior do centro para a súa modernización, así como a substitución da carpintería metálica de portas e fiestras para mellorar a súa climatización.

ubstituíronse as luminarias e se rematou coas humidades do centro. Agora, cos traballos que se están a executar nestas semanas, damos un paso más no compromiso de mellora deste centro”, matizou Cores Tourís.

Por outra banda, no CEIP de Tenorio está previsto que comecen, nos próximos días, as obras de mellora da cuberta do patio, que se atopaba moi deteriorado.

A Consellería de Cultura e Educación leva investidos, nos últimos anos, case 520.000 euros nos colexios do concello de Cerdedo-Cotobade, en actuacións que contemplan renovación de baños, reparacións de filtracións, reparación de muros de peche, melloras eléctricas e de saneamento, así como arranxos de calefaccións.

24 de agosto de 2017 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.