publicidade hoxe

O Consorcio de Santiago adxudica a obra de limpeza e restauración do balcón do claustro do convento do Carme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de limpeza e restauración do balcón do claustro do convento do Carme, situado na rúa de Santa Clara, á empresa Ábaco CR, S.L., por un importe global de 44.019,88 euros.

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto é Lourdes Pérez. Explica que o claustro do convento do Carme data de mediados do século XVIII. “Posúe unha balconada corrida no seu perímetro orixinal e seguindo os parámetros estilísticos da orde carmelita. Componse dunha estrutura de forxa e ferro, unha varanda perimetral tamén de forxa e o lousado de pedra granítica”, sinala.

Segundo a arquitecta, o conxunto presenta un avanzado estado de deterioración na súa estrutura portante, moi oxidada debido á acción dos axentes climatolóxicos, en particular a humidade e a chuvia. A auga da chuvia deposítase na superficie horizontal de pedra e fíltrase, afectando á estrutura metálica que a sustenta. Así, o proceso de restauración do conxunto da balconada busca corrixir as deficiencias atopadas de cara a eliminar o risco de caída do lousado e mesmo das persoas.

Traslado a taller

Restauraranse os elementos de forxa e substituiranse os compoñentes de aceiro en mal estado de conservación. Para isto será necesario levantar o pavimento de pedra, que logo se recolocará na mesma posición. E aplicarase un tratamento superficial impermeable e transpirable no lousado, co fin de impedir a filtración da auga da chuvia cara á estrutura horizontal na que se apoia e así evitar a súa deterioración.

Por outra parte, a estrutura de forxa e aceiro e a varanda desmontaranse para trasladar os distintos elementos ao taller encargado da súa restauración.

O Consorcio de Santiago realizou tres intervencións anteriores no conxunto do Convento do Carme, destinadas á renovación da súa cuberta.

14 de agosto de 2017 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.