publicidade hoxe

O Concello de Beariz beneficiarase dunha achega de 31.000 euros de Medio Rural para arranxar camiños municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBearizLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Beariz

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Beariz

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, para coñecer de primeira man as demandas que ten este concello ourensán en relación co agro. Así, o rexedor trasladoulle as necesidades en materia de arranxo de viarios. Ambos mandatarios fixeron balance das obras que se van a realizar este ano a través do Plan marco de mellora de camiños municipais para o que hai un orzamento de 31.319,64 euros neste concello. En concreto, grazas a esta achega de Medio Rural vaise acondicionar o firme do camiño no lugar da Ermida.

Ángeles Vázquez sinalou que grazas a este esforzo económico por parte do Goberno galego (o plan para este 2017 conta con 16 millóns de euros de fondos propios) pódese seguir traballando no acondicionamento dos principais viarios municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural galego. Só no 2016 este plan permitiu intervir en 810 quilómetros de viarios en toda Galicia.

A titular de Medio Rural lembrou que esta axuda cubre o 100% dos gastos subvencionables, agás o IVE, que corre por conta dos concellos e que non inclúe actuacións inferiores aos 6.000 euros. Así mesmo, engadiu, que o reparto destes fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación ou a ruralidade.

Acondicionamento de carballeira

Outro tema tratado por ambos foi a posible colaboración no acondicionamento dunha carballeira, que consistiría na limpeza e roza dunha superficie de sete hectáreas pertencentes á mancomunidade de montes en man común Monte Costa. Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar dita petición co fin de, por unha parte, enxalzar os soutos galegos e, por outra, contribuír á prevención de incendios forestais neste concello ourensán.

16 de agosto de 2017 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.