publicidade hoxe

O ciclo ‘Monumenta’ propón camiñadas para descubrir o patrimonio de Chantada e de Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal PortadaValga
A-
A+

Logo do seu paso polos concellos de Santiago de Compostela e de Allariz, o ciclo Monumenta. Andar con arte prosegue esta fin de semana a súa descuberta do patrimonio cultural e natural de Galicia. Farao o sábado 12 de agosto no municipio de Chantada, onde o programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá a xornada Os morcegos de Santa María de Pesqueiras.

Esta igrexa lucense constitúe un exemplo de conservación compartida entre o patrimonio cultural e o patrimonio natural, ao protexerse neste templo sen culto centos de morcegos de maneira controlada. Os e as camiñantes que participen na andaina terán ocasión de descubrir este tesouro de arquitectura románica, que conserva pinturas murais do século XVI, así como a contorna que o rodea: un bosque de castiñeiros e carballos centenarios que crea unha contorna propia, territorial e natural enmarcada na Ribeira Sacra.

Para iso, a andaina contará con tres camiñantes convidados: María Abuín, que realiza visitas guiadas e rutas na Ribeira Sacra; Marta Becerro, restauradora e especialista en pintura; e Roberto Hermida, da asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural, bo coñecedor da vida dos morcegos.

Unha viaxe pola Valga romana

Ao día seguinte, o 13 de agosto, celebrarase a andaina A Valga romana, para viaxar ata a época romana desde os últimos achados arqueolóxicos. As augas do Ulla, os xacementos de Mercado dos Mouros e de Igrexa Vella serán as principais testemuñas para amosar unha visión única deste territorio, nunha xornada que contará coa participación do licenciado en historia da arte Santiago Chenlo Campos, responsable do Museo da Historia de Valga.

As persoas interesadas en participar en ambas as andainas, axeitadas para todos os públicos, deben inscribirse na páxina web. O prazo estará aberto ata o próximo día 10 de agosto.

Calendario de ‘Monumenta’

Ata o día 27 deste mes de agosto, o ciclo promovido pola consellería –baixo a coordinación de Sinsalaudio, Tomos Conservación Restauración e Van Divulgación Cultural– percorrerá tamén os municipios de Mondoñedo, de Camariñas, de Redondela e de Nogueira de Ramuín, co fin de convidar a cidadanía a descubrir o patrimonio arquitectónico, natural, arqueolóxico e paisaxístico deste lugares a través de camiñadas.

Seguindo os pasos de camiñantes ilustres

Na edición deste ano, unha parte importante das camiñadas seguen os pasos de ilustres persoeiros que xa os andaron antes, como son o xeógrafo Domingo Fontán, o musicólogo Alan Lomax, a fotógrafa Ruth Matilda Anderson e o folclorista e investigador Casto Sampedro.

A figura do afiador dos Peares, a paisaxe sonora mindoniense, os morcegos da igrexa de Santa María de Pesqueiras, o xacemento de Mercado dos Mouros e os miradoiros de Camelle son algúns dos principais atractivos para a participación nas xornadas do ciclo, para o que se precisa inscrición previa na páxina web.

A través do portal de Cultura, pódense consultar todas as actividades da programación na Axenda de Cultura de Galicia.

8 de agosto de 2017 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.