publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O CGAI recuperará 60 anos de historia dos estaleiros ferroláns arquivados por Navantia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Navantia acaban de firmar un acordo polo que os arquivos fílmicos e videográficos da empresa naval serán depositados na filmoteca galega. Trátase de 106 películas e de 396 vídeos que abranguen o período 1951-2012 e que documentan todo tipo de traballos levados a cabo no seo dos estaleiros ferroláns, como técnicas de construción naval ou botaduras de barcos.

Algunhas destas pezas contan amais con valor histórico, ao capturar eventos como visitas de ministros ou outras autoridades e, por momentos, non se cinguen exclusivamente á actividade da empresa, senón que plasman aspectos da industria metalúrxica ferrolá no seu conxunto.

O labor do CGAI consiste agora en catalogar e arquivar debidamente este fondo, así como en velar pola súa conservación. O estudo dos materiais depositados na filmoteca permitirá determinar o alcance desta achega e, moi posiblemente, descubrir filmes de valor historiográfico. De feito, en arquivos similares o CGAI ten atopado as primeiras películas rodadas en Galicia. Ademais, hai que ter en conta que o cinematógrafo e a industria naval naceron ligados, xa que o primeiro filme do que existe constancia en Galicia é precisamente Botadura al agua del acorazado Cardenal Cisneros, hoxe perdido, datado en Ferrol no ano 1897.

O naval e o cine, irmandados dende as orixes

As primeiras fitas que se conservan actualmente son Botadura del España (1912), descuberta e rescatada do arquivo de Pathé-Gaumont, e Botadura del acorazado Alfonso XIII (1913), cuxa recuperación foi posible tras contactar coas descendentes do ministro de Marina do momento, que gardaban unha copia en celuloide do evento.

Xa nos inicios do século XX, cando Navantia era aínda a Sociedad Española de Construcción Naval, a empresa naval empregaba fotógrafos para documentar as súas actividades, como Pascual Rey, a quen se pode ver precisamente en Botadura del acorazado Alfonso XIII, e Bernardino González.

No fondo que se lle entrega agora ao CGAI, tamén figura o fotógrafo Pedro Lugrís como autor dalgunhas destas gravacións. A análise, recuperación e conservación deste material permitirá atesourar e compartir coa sociedade galega un patrimonio fílmico con gran valor histórico polo seu rexistro tanto do día a día como dos principais eventos dos estaleiros ferroláns.

11 de agosto de 2017 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.