publicidade hoxe

O CCG programa dous cursos de danza moderna e contemporánea para setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Centro Coreográfico Galego (CCG) retomará a súa actividade formativa en setembro con dous cursos de danza contemporánea e moderna impartidos polos bailaríns coruñeses Bárbara Monteagudo e Fernando Lázaro do 4 ao 8 e do 15 ao 17, respectivamente.

Con ambos os encontros, dirixidos tanto a profesionais como a estudantes de danza, o centro da Consellería de Cultura e Educación dá continuidade ao programa de formación continua que vén desenvolvendo durante todo o ano na súa sede da Coruña.

A nova temporada dará comezo o 4 de setembro cun curso de danza contemporánea a cargo de Bárbara Monteagudo, que se estenderá ata o día 8 en horario de mañá. Formada en danza contemporánea, moderna e Butoh, así como en expresión corporal e improvisación, Monteagudo formou parte das compañías Druída Danza, Danza Actual e do grupo multidisciplinar Proxecto Ninguén como actriz e coreógrafa.

No ano 2002 crea a compañía Trespasando, da cal é directora artística, intérprete e co-creadora. Con ela leva a escena pezas como Entropía, Largo camino de vuelta al ser humano, Aínda que amar sexa absurdo ou Rosalías.

Pola súa banda, Fernando Lázaro será o encargado do curso de danza contemporánea e moderna que se desenvolverá do 15 ao 17 de setembro e para o que o prazo de solicitude permanece aberto ata o día 8 dese mes, seguindo as instrucións que se especifican na páxina web do centro coreográfico. O prezo da matrícula é de 50 euros.

Lázaro comezou na Coruña os seus estudos de danza clásica, que continuou no Conservatorio de Madrid, onde se graduou en Ensinanzas Profesionais de Danza Clásica, ademais de se especializar en danza moderna, contemporánea e jazz.

Tras unha traxectoria como bailarín de máis de 15 anos, céntrase na súa faceta como docente e coreógrafo. Foi xefe de estudos no centro madrileño Scaena Carmen Roche (Madrid) e coordinador do programa profesional de Danza Moderna do Madrid Dance Center. Na actualidade, é un dos responsables do proxecto Danza 180º.

10 de agosto de 2017 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.