publicidade hoxe

“Mulleres en acción. Violencia Zero” chega a Vilagarcía de Arousa coa poetisa Dores Tembrás

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, asistirá este mércores 9 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilagarcía, a unha nova intervención artística organizada polo programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Na vila arousá o programa promovido pola institución provincial chegará coa actuación da poetisa Dores Tembrás, que amosará a súa obra “Versos a Clareo”, unha intervención artística que parte do poemario “Diapositivas a clareo” e na que procura facer unha reflexión a través de voces e figuras femininas descoñecidas.

Dores Tembrás publicou o seu primeiro poemario en 2009, “O pouso do fume”, co que foi finalista do premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Ademais, en 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro “Cronoloxía da urxencia”, editado por Espiral Maior en 2014. Tamén escribe literatura infantil e en 2012 publicou o seu primeiro libro de poesía infantil, titulado “O peizoque Roque”.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

8 de agosto de 2017 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.