publicidade hoxe

‘Monumenta. Andar con arte’ despide a súa quinta edición con Casto Sampedro e Alan Lomax

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNogueira de RamuínRedondela
A-
A+

O ciclo Monumenta. Andar con arte de descuberta do patrimonio cultural e natural pecha esta fin de semana a súa quinta edición con dúas andainas dedicadas a dous camiñantes ilustres: o folcorista e investigador galego Casto Sampedro e o musicólogo americano Alan Lomax.

O primeiro, compilador do Cancioneiro musical de Galicia e director fundador do Museo de Pontevedra, será o protagonista da camiñada do sábado 26 de agosto, en Redondela. Cun percorrido que comezará ás 17:00 horas nos xardíns do Concello, a andaina incluíra diferentes paradas en puntos clave da vida de Sampedro, ata chegar ao porto de Cesantes, onde o traxecto continuará en barco ata a Illa de San Simón, cunha visita centrada nos trobadores da ría de Vigo.

María Xosé López e Alfonso Cheda acompañarán o percorrido coa gaita e a zanfona, interpretando diferentes pezas musicais recollidas por Castro Sampedro, así como unha mostra das cantigas de Martín Códax.

Alan Lomax e os afiadores dos Peares

A xornada de clausura terá lugar en Nogueira de Ramuín o domingo 27 de agosto. Monumenta despedirá a súa quinta edición no contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, cunha andaina dedicada á figura do afiador. A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico: a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira, unha melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis.

A andaina contará co etnógrafo e escultor Florencio de Arborio e coa profesora de música Cristina Asenjo como camiñantes convidados, acompañados en formato de parladoiro itinerante polo músico e escritor Xurxo Souto.

Inscrición

As prazas para a andaina de Redondela xa están cubertas, mentres que as persoas interesadas en participar na xornada do domingo en Nogueira de Ramuín aínda se poden inscribir ata mañá, 24 de agosto, na web https://monumentagalicia.com.

Á descuberta do patrimonio

Con estas dúas andainas en Redondela e en Nogueira de Ramuín, o ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura e baixo a coordinación de Sinsalaudio, Tomos Conservación Restauración e Van Divulgación Cultural– despide unha edición na que seguiu os pasos de Domingo Fontán na capital de Galicia, descubriu os cultos en Santa Mariña de Augas Santas, Allariz; se achegou ao patimonio natural e arquitectónico de Santa María de Pesqueiras, no municipio lucense de Chantanda; viaxou no tempo ata a Valga romana; recuperou as figuras de Ruth Matilda Anderson e de Manfred Gnädinger na Costa da Morte e afondou na paisaxe sonoro-cultural de Mondoñedo.

Toda a información sobre o ciclo Monumenta 2017 está accesible na web www.cultura.gal, onde se pode consultar o calendario e contidos da programación.

23 de agosto de 2017 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.