publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente licita por 1,7 millóns de euros as actuacións do Plan de xestión de residuos industriais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita por 1,7 millóns de euros o deseño e execución das actuacións previstas no Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/2vp1yJk) o prego de condicións técnicas deste contrato, que diferencia un total de 8 bloques de accións, que van dende as actuacións de fomento e prevención da xeración de residuos nos sector industrial ata as actuacións de formación para produtores e xestores de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.

Trátase da primeira vez que un plan de xestión de residuos industriais recolle unha partida orzamentaria para o desenvolvemento de accións e medidas que melloren as ratios de reciclaxe dos diferentes residuos e promovan a cultura de economía circular dentro do seu ámbito.

O obxectivo xeral é a divulgación da prevención na xeración de residuos, informando activamente a todos os axentes afectados polos programas do PRIGA, sobre os principais obxectivos e a súa implantación a nivel práctico, así como establecer canles efectivas de comunicación entre a Administración e os axentes implicados.

No sector industrial (Lote 1) búscase fomentar medidas de prevención que poidan acometer nos seus procesos produtivos, de xeito que sexan respectuosos co medio e a saúde dos traballadores, que irán desde xornadas nas que se poñan de manifesto casos exitosos de medidas de prevención xerais, exemplos de boas prácticas, así como medidas divulgativas.

No campo dos residuos sanitarios (Lote 2) primarase a elaboración de campañas de información e sensibilización, nas que se identifiquen os colectivos destinatarios e se elaboren ferramentas e contidos, como distintas guías dirixidas a produtores, traballadores e xestores. Con estas accións preténdese mellorar a información e formación dos axentes implicados na xestión dos residuos sanitarios, para facilitar a separación dos mesmos e o seu tratamento.

Sector da construción

O contrato establece dúas liñas de acción para mellorar a xestión deste tipo de residuos desde dous ámbitos. Por unha banda, apoiando ás entidades locais (Lote 3), polo que se propón a redacción dunha ordenanza tipo de xestión de residuos procedentes da construción e demolición (RDC), así como o desenvolvemento de ferramentas web e talleres formativos. Deste xeito, daranse ferramentas para acadar unha mellor separación efectiva en fraccións de RDC, eliminar ou reducir ao mínimo o vertido ilegal, incrementar o emprego deste material en substitución de materiais naturais, e mellorar na xestión de RDC inertes en operacións de recheo, como medida de valorización.

En relación con este tipo de residuos, tamén se promoverán actuacións dirixidas aos produtores e xestores (Lote 4), para dar resposta á dificultade de incorporar ao ciclo económico o produto resultantes da valorización deste tipo de residuos. De cara aumentar a reutilización, proporanse medidas de formación e sensibilización destinadas aos produtores, así como a elaboración de documentos técnicos.

Buques e embarcacións ao final da súa vida útil

A aprobación do regulamento europeo 1257/2013, sobre a reciclaxe de buques, supón unha oportunidade para que as empresas que se dedican a esta actividade se inclúan nunha lista de referencia a nivel europeo para a reciclaxe de buques, e sobre todo, dentro dos estándares de protección ambiental.

Con esta liña, preténdese desenvolver medidas (Lote 5) destinadas ao sector naval e ás autoridades portuarias co obxectivo de propiciar o inicio de accións encamiñadas a aproveitar as instalacións e infraestruturas existentes para o desenvolvemento da actividade de despezamento e reciclaxe de buques e embarcacións. Así, incluiranse accións de formación e difusión sobre a oportunidade que representa a nova normativa para o sector e sobre as condicións que deben ter as instalacións de reciclaxe de buques, así como os condicionantes técnicos para tratar barcos.

Mellorar a xestión dos aceites usados, de pilas e acumuladores

Neste lote (6) incluiranse actuacións para a mellora da xestión de aceites usados, cuxo principal obxectivo será promover a rexeneración fronte a calquera outro tratamento, mellorar a información dispoñible en materia de posta no mercado, recollida e tratamento así como mellorar os mecanismos de control e rastrexabilidade.

Asemade, o Real Decreto 710/2015, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos, incorpora unha serie de novidades relativas ás pilas e acumuladores que poden comercializarse así como a súa xestión. As accións a desenvolver (Lote 7) deberán cumprir os obxectivos de mellorar a rastrexabilidade e a información dos datos de produción e xestión, de forma que se mellore o sistema de control deste fluxo de residuos, promover a recollida deste tipo de residuos mediante campañas de información e educación ambiental e impulsar a consecución dos obxectivos ecolóxicos de recollida que determina o Real Decreto.

Por último, tamén se pretenden levar a cabo medidas de formación-información para concienciar sobre a importancia da adecuada xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) centradas na distribución, incorporando información sobre os deberes e boas prácticas orientadas ao sector industrial. Promoveranse medidas para mellorar a oferta de AAE recuperados tras a preparación para a reutilización e o fomento da demanda da reutilización e a reciclaxe.

Cómpre lembrar que en decembro de 2016 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicou no Diario Oficial de Galicia o Plan de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 (PRIGA) que se perfila como a folla de ruta na xestión dos residuos industriais no territorio galego para os próximos sete anos.

Deste xeito, a Xunta de Galicia culminaba unha importante tarefa e un instrumento esencial en materia de planificación e xestión de residuos e daba cumprimento tanto ao establecido na Directiva marco de residuos como na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Este plan conta cun orzamento total de preto de 19 millóns de euros durante o seu período de vixencia e articúlase ao redor de 13 obxectivos estratéxicos, 17 programas (un transversal de prevención, e 16 específicos segundo o tipo de residuos) e inclúe 108 medidas específicas e 43 indicadores de seguimento.

10 de agosto de 2017 | 12:05 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario