publicidade hoxe

Medio Ambiente conclúe o trámite ambiental do PXOM de Cervantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio determina a viabilidade, desde o punto de vista ambiental, do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cervantes, sempre que se incorporen a este documento as medidas e garantías de protección e calidade recollidas na memoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, o departamento autonómico dá por concluído o trámite ambiental da planificación urbanística do Concello de Cervantes, o que lle permitirá ao Goberno local seguir avanzando na tramitación do seu PXOM.

Así, o Concello poderá someter o Plan á aprobación provisional polo Pleno da Corporación, tras integrar, na planificación urbanística do municipio, os aspectos ambientais que sinala a memoria ambiental elaborada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Neste senso, este departamento considera que, co fin de evitar a ocupación de novas parcelas na periferia dos núcleos rurais delimitados, así como a construción de novas vivendas, se establezan medidas para impulsar a recuperación de terreos baleiros dentro dos límites do núcleo rural establecido e a rehabilitación de inmobles existentes.

De aí, a importancia, segundo sinala a memoria ambiental, de revisar a delimitación dos núcleos de San Martín (Ribeira), Lamas e Santa Mariña (Vilarello) para eludir a ocupación de solo vacante na periferia do núcleo, en moitos casos, con excesivas pendentes, veigas ou caracterizados pola presenza de masas de árbores autóctonas.

Ademais, o departamento de Calidade Ambiental e Cambio Climático indica que deben representarse na cartografía do PXOM as áreas de especial interese paisaxístico delimitadas, precisamente, no Catálogo galego de paisaxes, que son Os Ancares, Devesas de Pintidoira e Vilapasantes e Río Navia. Igualmente, sinala que estes espazos teñen que clasificarse como solo rústico de protección paisaxística en concordancia coa Lei do Solo de Galicia.

Abastecemento e saneamento

Con respecto ao abastecemento e saneamento de augas, a memoria establece a necesidade de acreditarse a dispoñibilidade de recursos hídricos suficientes para atender a todos os usos previstos na planificación urbanística, así como a dotación dos sistema de tratamento e subministro do recurso en función das demandas estimadas.

Igualmente, explica que deberá incluírse nas ordenanzas de núcleo rural que o réxime de usos que se estableza nas zonas sensibles por risco de inundación terá que axustarse ás limitacións contempladas na normativa sectorial de augas e do Plan hidrolóxico vixente.

Axudas

Deste modo, unha vez incorporadas ao PXOM estas determinacións, o documento estará listo para a súa aprobación provisional polo Pleno da Corporación e, posteriormente, deberá ser remitido á Dirección Xeral de Ordenación e Urbanismo, que estudará a documentación presentada para determinar, se procede, a aprobación definitiva.

Cómpre recordar que a Xunta de Galicia ten concedido ao Concello de Cervantes axudas por valor de 175.000 euros co obxectivo de levar a cabo o seu plan de ordenación urbanística, un documento fundamental que dará seguridade, riqueza e benestar aos veciños da vila.

31 de agosto de 2017 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.