publicidade hoxe

Marín incrementa as horas dispoñibles no servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, sinalou hoxe que a Xunta de Galicia “continuará reforzando os servizos de atención aos maiores, en especial a aqueles que teñen limitada a súa autonomía, co obxectivo de conseguir un maior benestar para este colectivo”. Así o dixo durante a visita que esta mañá realizou ás instalacións da residencia pública de maiores do municipio pontevedrés de Marín, con capacidade para 78 persoas e xestionada pola Administración autonómica.

En declaracións aos medios, Fabiola García referiuse á nova ampliación e mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e anunciou que a partir de setembro o concello de Marín terá dispoñibles 1.992 horas máis ao ano nesta prestación. Deste xeito, Marín pasará a dispoñer dun total de 37.716 horas anuais de SAF, o que supón un incremento porcentual superior ao 5% con respecto á situación actual.

Esta suba responde ao reforzamento do Servizo de Axuda no Fogar que está a impulsar a Consellería de Política Social, cun novo incremento de 1,2 millóns de horas dispoñibles para os concellos. Ao respecto, en dous exercicios (2016 e 2017) a Xunta ten reforzado en máis de dous millóns as horas habilitadas nesta prestación e aumentado o número de beneficiarios en toda Galicia por riba do 60%, pasando dos 12.899 persoas usuarias en maio de 2016 ás 20.748 que se poderán acadar con este novo incremento.

A directora xeral salientou que “a atención aos nosos maiores é un dos obxectivos prioritarios da Xunta, de aí o impulso que se está dando ás políticas sociais ás que se destinan máis orzamentos que nunca antes na historia de Galicia”. Neste sentido, apuntou que “queremos que os nosos maiores vivan máis e mellor, e por iso apostamos por seguir completando a rede e os servizos do sistema de dependencia, principalmente os servizos profesionais de proximidade e de atención no contorno familiar, os cales son ademais os máis demandados e os preferidos pola poboación”.

14 de agosto de 2017 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.