publicidade hoxe

Francisco Conde ratifica o compromiso do goberno galego co sector do comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe en Lugo que a Xunta mantén o seu compromiso co sector do comercio para consolidar a súa recuperación e impulsar a súa actividade, durante o encontro que mantivo con representantes do sector na provincia de Lugo para dar a coñecer, en detalle, as novas axudas á expansión comercial e dixital. O acto enmárcase nun calendario de reunións que se levarán a cabo en todas as provincias co obxectivo de explicar, de primeira man, os detalles desta nova convocatoria.

Tal e como lembrou Conde, estes apoios pretenden impulsar máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego a través dun investimento de 2 millóns de euros, acompañando, deste xeito, aos comerciantes en novas iniciativas que axuden a mellorar a competitividade dun sector que emprega a máis de 170.000 galegos.

O programa, destinado a pemes que veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos, conta con tres modalidades diferentes. Os proxectos de expansión comercial contarán con axudas de ata 30.000 euros para a apertura de novos establecementos. A actuación poderá basearse no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial que xa estaba en marcha, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou en novas tendencias de consumo, e deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.

Por outra parte, concederanse axudas de ata 3500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura por un prazo máximo de dous meses dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para testar un mercado ou un proxecto comercial innovador.

Ademais, os comerciantes poderán acceder a apoios de ata 1080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e titorización dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de expansión.

Francisco Conde animou aos comerciantes a participar nesta convocatoria e informou de que o prazo para os interesados estará aberto ata o vindeiro 11 de setembro.

O conselleiro aproveitou o encontro para felicitar aos comerciantes polo seu esforzo e polos resultados que se están a producir, xa que o incremento nun 4,9% das vendas en xuño, con respecto ao mesmo mes de 2016, sitúan á Comunidade como a segunda que máis medra, superando en máis de dous puntos a media nacional. Mentres que a ocupación no sector medrou nun 2,6%.

Para consolidar estas cifras e apoiar o crecemento e competitividade do sector, Conde asegurou que a Xunta seguirá a apostar polas medidas do Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020. Neste sentido lembrou as axudas destinadas á modernización e mellora da imaxe do comercio galego, dotadas con 1,3 millóns de euros e que están nestes momentos en fase de resolución, a través da cal se apoia tamén a novos emprendedores, e que conta con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a comerciantes galegos acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

Para rematar, o titular de Economía, sinalou que “a clave para favorecer ao pequeno comercio está no crecemento a través da innovación, as novas formas de comercialización e a expansión dixital” lembrando que son os elementos que están permitindo que Galicia teña un comportamento mellor que a media nacional. O comercio polo miúdo está crecendo preto dun 5%, dez puntos por enriba da media nacional.

17 de agosto de 2017 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.