publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizan as obras de mellora viaria na estrada provincial EP-0401 ao seu paso pola parroquia de Corredoira en Cerdedo-Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

As obras para mellorar a seguranza viaria dun treito da estrada provincial EP-0401 entre Carballedo e Caroi, na parroquia de Corredoira (Cercedo-Cotobade), xa están finalizadas. A actuación realizada pola Deputación, que incluíu tamén a mellora da rede de augas pluviais e a construción dunha cuneta de formigón, finalizou dúas semanas antes do previsto, segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez.

O orzamento do proxecto ascendeu a 9.627,30 euros. A intención era dotar de beiravía a un treito da estrada na súa marxe esquerda, xa que esta carecía de arcén e tiña a marca viaria ao bordo da plataforma, o que supoñía un perigo tanto para os peóns como para os vehículos que circulaban pola zona. Así mesmo, na zona de cuneta de terra existente entre o bordo da calzada e o muro de peche existente producíanse importantes problemas de filtracións de auga que perxudicaban gravemente o firme.

Ante esta situación, o departamento provincial de Mobilidade realizou un proxecto para mellorar a seguranza en todo o tramo e, a un tempo, optimizar a rede de pluviais. Instalouse unha nova tubaxe e tamén un dren lonxitudinal que recollerá as augas de infiltración, e por riba dela unha cuneta rebasable de formigón, de forma que os vehículos e peóns xa poden circular de forma máis segura e as augas pluviais non afectan ao firme.

A empresa adxudicataria comezou as obras o pasado 19 de xullo cunha limpeza de marxes e a excavación dunha gabia de máis de 110 metros. Posteriormente instalouse o colector para dar continuidade ás augas pluviais e as arquetas de formigón que serven como rexistro. O prazo de execución previsto, segundo indicou Benítez, era dun mínimo dun mes en función das condicións climatolóxicas, mais finalmente reduciuse á metade xa que non se atoparon complicacións na obra.

A maiores desta actuación de seguranza viaria, o deputado responsable de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Deputación tamén realizará en breve o repintado de toda a sinalización horizontal da estrada Carballedo-Caroi –EP-0401- instalando un paso de peóns sobreelevado con iluminación.

2 de agosto de 2017 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.