publicidade hoxe

Deputación e Concello de Oleiros asinan o convenio para rehabilitar o Pazo de Arenaza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+

O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García García, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a rehabilitación do Pazo de Arenaza.

O último pleno da Deputación da Coruña celebrado o pasado venres 28 de xullo, xa aprobou por unanimidade este convenio, que establece a cesión do uso do inmoble por parte do Concello de Oleiros á Deputación, que converterá o espazo nun coworking.

A institución provincial destinará 250.000 euros ás obras que consistirán na reforma e reconfiguración dos 780 metros cadrados cos que conta o inmoble, para ofrecer espazos de traballo para 25 empresas, ademais de salas de reunións, zona de fotocopiadoras, áreas de descanso, aulas de formación e outros espazos comúns para asegurar o desenvolvemento de todo tipo de accións formativas e de eventos empresariais.

O proxecto prevé deixar un espazo diáfano a disposición das empresas, para que poidan crear zonas temporais de “pop-up store”, expoñer os seus produtos, realizar obradoiros e talleres ou incluso facer probas e prototipos para os seus negocios.

O Pazo de Arenaza leva sen estar en servizo desde o 2013, polo que presenta diversas carencias que tamén serán reparadas, coma as filtracións de auga. Así mesmo, cambiarase a caldeira para o posibilitar a calefacción mediante gas natural.

O proxecto contempla a adecuación de todos os espazos para facilitar a súa utilización por parte de persoas con mobilidade reducida, todo elo conservando as características arquitectónicas do inmoble, catalogado coma Elemento de Interese Histórico Artístico, Arquitectónico e Ambiental.

O proxecto de creación deste espazo coworking inscríbese no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación Provincial, dotado con 30 millóns de euros durante o período 2016-2019 para estimular a creación de novos postos de traballo nos sectores público e privado e apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.

4 de agosto de 2017 | 14:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.