publicidade hoxe

Deputación, Concello e ANPA de Cervantes promoven a artesanía e a gastronomía da Montaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, inauguraron este mércores, no Polideportivo Municipal, a VI Edición do Encontro de Artesanía deste municipio da Montaña. Baixo o lema “Pola defensa do ensino na montaña”, a ANPA de Cervantes e o Concello organizan esta cita coa colaboración do Goberno da Deputación, que é o principal patrocinador desta cita, pois achega 2.000 euros e leva demostracións en vivo de cestaría.

García Porto destacou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta cita co obxectivo de promover os produtos autóctonos e os oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia. Facémolo no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo de Lugo, que define estes obxectivos como dúas das liñas de actuación para impulsar o turismo e xerar riqueza na nosa provincia”.

Gómez Tadín agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación, que “é fundamental para garantir que se celebre un ano máis este encontro”. O Rexedor destacou o programa de actividades que se desenvolve ao longo desta xornada festiva. “Participan 40 profesionais da artesanía e da gastronomía, que nos amosarán os mellores produtos da nosa Comarca. Temos actividades para nenos, talleres e concursos de pintura, grafitis, cestería ou billarda, ademais de actuacións teatrais e musicais”. O Alcalde convidou a todos os visitantes “a achegarse a San Román de Cervantes para coñecer a nosa historia e desfrutar dun día de lecer, nun enclave único, como é o noso Concello”.

Artesanía, pintura, concursos e agasallos

A VI edición do Encontro de Artesanía acolle demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestería, traballo de coiro, tear e manualidades. Tamén conta con obradoiros para os máis cativos, mostras de pintura e concursos de pintura rápida e actuacións musicais. Os visitantes poderán degustar produtos típicos da Montaña como mel, embutidos, ou pan. O teatro correrá a cargo da compañía Lucecús, coa obra “Pingüíns” e, paralelamente, disputarase o VII Aberto de Bilarda do Urogalo.

9 de agosto de 2017 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.