publicidade hoxe

‘Dálle luz á túa factura’ recala en Ferrol para achegar consellos prácticos cos que aforrar na factura da luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Campaña "Dálle luz á túa factura" en Ferrol

Campaña “Dálle luz á túa factura” en Ferrol

A secretaria xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou hoxe o expositor da campaña Dálle luz á túa factura, que nesta xornada está instalado no Cantón de Molíns para achegar aos veciños da localidade consellos útiles cos que reducir o custo do seu recibo da luz.

Trátase dunha das novidades que este ano trae consigo esta campaña divulgativa, que está impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria —a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega—, co obxectivo de achegar as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. E, como en anos anteriores, tamén se impartirán charlas informativas para asesorar aos consumidores neste tipo de cuestións. Concretamente, será no Antigo Hospicio Municipal, entre as 17,00 e as 18,00 horas desta tarde onde os asistentes poderán consultar a as súas dúbidas.

Dálle luz á túa factura está a percorrer diferentes concellos galegos e, este ano, vai estar tamén presente en 15 feiras sectoriais que se celebrarán en Galicia no que queda de ano. A primeira, a feira de Monterroso, que terá lugar o próximo 1 de setembro.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook Dálle luz á túa factura, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos

A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta de Galicia polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a preto de 7000 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora ata case 4000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

25 de agosto de 2017 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.