publicidade hoxe

‘Dálle luz á túa factura’ chega a Lugo con consellos prácticos para aforrar na factura eléctrica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A nova edición da campaña ‘Dálle luz á túa factura’, coa que a Xunta busca asesorar aos consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade, desprazarase mañá ata Lugo para achegar aos veciños desta localidade consellos útiles cos que poder aforrar no recibo da luz.

Como novidade este ano, ‘Dálle luz á túa factura’ conta cun expositor itinerante que vai percorrer as principais vilas de Galicia e que, neste caso, estará instalado na praza Maior de Lugo. Alí, entre as 10:00 e as 14:00 horas, as persoas interesadas poderán recibir información e coñecer máis de preto este tipo de recomendacións prácticas.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. E, como en anos anteriores, tamén se impartirán charlas informativas para asesorar aos consumidores neste tipo de cuestións. Concretamente, será no Centro Cultural ‘O Vello Cárcere’, de 17:30 a 18:30 horas, onde os asistentes poderán consultar as súas dúbidas.

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

‘Dálle luz á túa factura’, que botou a andar a pasada fin de semana, está a percorrer diferentes concellos galegos e, este ano, vai estar tamén presente en 15 feiras sectoriais que se celebrarán en Galicia no que queda de ano. A primeira, a feira de Monterroso, que terá lugar o próximo 1 de setembro.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos

A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta de Galicia polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a preto de 7.000 familias no que vai de ano, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora ata case 4.000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

22 de agosto de 2017 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.