publicidade hoxe

Balseiro anuncia o impulso de novos espazos comerciais en Cervo, O Vicedo, Mondoñedo e Sarria, cun investimento global de 252.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal PortadaLugoMondoñedoO VicedoSarria
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa novos espazos comerciais nos municipios de Cervo, O Vicedo, Mondoñedo e Sarria, aos que destina en total 252.000 euros.

A consellería apoia estas iniciativas a través do programa para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, que pretende potenciar a creación de empresas no rural ao tempo que eleva a oferta de servizos e a calidade de vida dos veciños e veciñas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que estas iniciativas servirán para “adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación rural, crear postos de traballo e dinamizar a economía”.

Nesta liña, apuntou que estes espazos comerciais “darán prioridade aos produtos locais, sendo unha canle de comercialización idónea para os produtos frescos das nosas hortas e explotacións gandeiras ou para as creacións dos nosos artesáns, entre outros”.

As achegas da consellería están destinadas a financiar a habilitación de novos espazos comerciais no campo da feira de Sarria e en Sargadelos (Cervo), a creación dun obradoiro artesán no barrio dos Muíños (Mondoñedo), e a adecuación de locais da Casa da Cultura do Vicedo.

Balseiro subliñou que todos os proxectos obtiveron a subvención máxima prevista nas bases, 70.000 euros para os concellos de Sarria, Cervo e Mondoñedo, e 41.200 euros para O Vicedo (o 70% do investimento subvencionable).

Estes investimentos requiren a inclusión, por parte do concello solicitante, dun proxecto para a realización de actuacións de difusión, asesoramento e formación dirixidas as persoas interesadas en emprender un negocio neste novo espazo.

7 de agosto de 2017 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.