publicidade hoxe

Atardecer no Gaiás aposta polo pop de Manel e de Espanto para os primeiros solpores de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Cidade da Cultura aposta polo pop -na versión folkie de Manel e na indie de Espanto- para musicar os solpores da primeira semana de Atardecer no Gaiás, que arranca mañá xoves, día 3, cunha nova sesión de cinema ao aire libre na que se proxectará ‘Quadrophenia’, en homenaxe a TheWho.

Atardecer no Gaiás permitirá escoitar este venres, día 4, na Cidade da Cultura JoCompeteixo, o último traballo de Manel, a primeira banda catalá en levar un disco cantado neste idioma ao primeiro posto na lista dos máis vendidos en España. Transcorridos xa seis anos deste grande éxito, o pop folkie da banda catalá contáxiase agora de sintetizadores, teclados e ritmos latinos que combinarán para este solpor cos temas máis coñecidos. Para prolongar a festa dese día, e por cortesía da Cantina do Gaiás, tras a súa actuación terá lugar unha sesión DJ a cargo de Shulz.

No entanto, o primeiro Atardecer no Gaiás de agosto bota a andar xa mañá, ás 21 horas, cunha nova sesión de cinema ao aire libre. Nesta ocasión, homenaxéase a banda británica e de culto The Who, co gallo do 50 aniversario de todo un himno musical como é o tema MyGeneration.

A homenaxe comeza cunha selección musical a cargo de DJ Rafa Morcego, recoñecido pinchadiscos da escena compostelá, en particular, e da galega, en xeral. Rafa Morcego achegará ao Gaiás clásicos de The Who e tamén do movemento mod, que esta banda icona da música do século XX chegou a liderar nos 60, ademais de popularizar a ópera rock.

Tras a sesión musical, os espectadores poderán asistir á segunda sesión de cinema deste Atardecer no Gaiás 2017: Quadrophenia, baseada na ópera rock de 1973 da banda británica e cuxo reparto está formado por Phil Daniels, que interpreta o papel protagonista de un mod chamado Jimmy. Aparecen tamén Toyah Willcox, Mark Wingett, Leslie Ash, Ray Winstone, Timothy Spall, Phil Davis, Michael Elphick, Kate Williams, Gary Shail, John Altman e ata o cantante Sting. Foi a ópera prima do director Franc Roddam e en 2004 a revista Total Film catalogouno como o 35º mellor filme británico de todos os tempos.

O caer do sol do sábado estará acompañado, a partir das 21 horas, polas melodías e letras do pop das pequenas cousas de Espanto. Este dúo de Logroño converteuse en 2011 nunha das revelacións máis importantes da escena indie. Ao Gaiás traerán Fruta y Verdura (2016) e algo de Rock´n Roll (2008).

Todas as citas de Atardecer no Gaiás comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.

2 de agosto de 2017 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.