publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As novas piscinas do Parque Monte do Gozo abren as súas portas de balde para peregrinos e cidadadáns

Nava Castro na inauguración  das piscinas

Nava Castro na inauguración das piscinas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe as novas piscinas do Parque Monte do Gozo, no día no que comezan a funcionar. As instalacións abriron xa as súas portas para que calquera persoa poda gozar dun recinto que amplía a súa oferta de lecer e descanso. Os milleiros de peregrinos que cada día chegan a Santiago de Compostela e os veciños da cidade, ademais do resto de turistas e de todos os galegos, poderán acceder ás piscinas, que contan con tres vasos.

A creación destas piscinas xunto ao lago forma parte do Plan de actuación do Parque Monte do Gozo co que se está a revitalizar este pulmón verde da capital galega. Con máis de 50 hectáreas, constitúe o seu maior parque e representa un dos lugares máis simbólicos do Camiño de Santiago. De feito, adecuouse tamén o trazado da ruta xacobea no perímetro lateral do parque, polo que agora se discorre dun xeito máis seguro ao longo deste tramo.

“Facemos do Parque Monte do Gozo un espazo de convivencia entre os veciños de Galicia e os peregrinos”, declarou a directora de Turismo de Galicia, acompañada polo delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro. A todos eles convidounos a utilizar desde hoxe as novas piscinas, que abrirán todo o verán con servizo de socorrista en horario de 10,30 á 20,30 horas todos os días da semana, de maneira gratuíta para todas as persoas. Contan, igualmente, con hamacas e parasoles, ademais dos renovados aseos e vestiarios.

Nava Castro tamén comprobou os numerosos avances desenvolvidos nos últimos meses no resto do Parque Monte do Gozo, onde se investiron máis de 1,5 millóns de euros e que aumentan o seu atractivo e as súas posibilidades para os peregrinos e os cidadáns en xeral.

Espazo para bicicletas

En concreto, renovouse a sinalización para acceder ao Parque Monte do Gozo desde as proximidades e tamén no seu interior, de modo que o visitante saiba en todo momento onde se atopa. Na contorna da Capela de San Marcos e do monumento conmemorativo da visita de Xoán Paulo II, leváronse a cabo intervencións paisaxísticas e plantación de árbores, unha acción común ao resto do parque. Xunto ao monumento, que actuará como un milladoiro desde onde contemplar por primeira vez as torres da Catedral, habilitouse unha zona onde deixar as bicicletas. Ademais, abríronse novos camiños entre as distintas partes do recinto, que agora contan con pendentes máis accesibles e uns anchos máis acordes co uso peonil.

Na pradería central, configurouse unha zona de esparexemento e descanso, con mesas, asentos e largos bancos de pedra, árbores froiteiras, fontes e pequenos estanques, ademais de papeleiras. Ao redor da estatua dos peregrinos de Acuña, creouse un parque inglés cuxo sendeiro circular foi habilitado como circuíto de running, coa sinalización correspondente.

Así mesmo, creouse un dos primeiros campos de disc golf de España, un deporte que conta cun club en Santiago de Compostela e que está xa implantando noutros países. Xunto a el, colocáronse ademais grandes letras co nome do Parque Monte do Gozo, que se están xa a converter nun atractivo onde os peregrinos se fan fotografías para lembrar o seu paso.

Coa vista no Xacobeo 2021

O Parque Monte do Gozo seguirá experimentando melloras, no marco do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, coa vista posta no Xacobeo 2021, está a supoñer unha notable mellora na ruta xacobea en numerosos eidos, como lembrou Nava Castro. Dito plan conta con oito liñas de traballo, que van desde a preservación dos valores patrimoniais dos diferentes itinerarios xacobeos, ata o impulso da accesibilidade ou a sustentabilidade, ademais da mellora na atención e acollida aos peregrinos e o fomento da cultura xacobea.

8 de agosto de 2017 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.