publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Feiras do Libro pechan en Monforte de Lemos a edición de 2017

Tras percorrer 15 concellos das catro provincias desde o pasado mes de marzo, as Feiras do Libro de Galicia despiden en Monforte de Lemos a edición de 2017, cun amplo escaparate das novidades editoriais, xunto cunha programación diversa para a dinamización da lectura e a difusión do libro entre a cidadanía.

A partir desta tarde e ata o próximo 26 de agosto, as librarías Pedreira, Cartabón, Agrasar, Aenea e A Nova Libraría Cortizas ofrecerán na rúa do Cardeal os títulos editoriais máis recentes, que poderán adquirirse cun 10% por cento de desconto en todos os libros.

A oferta da feira complétase cunha programación de máis dunha vintena de actividades. As sinaturas e presentacións de libros centran as propostas desta última parada das Feiras do Libro de Galicia, que contará coa participación de autores e de autoras como Isidro Novo, Xián Alcayde, Roberto Vila, Sonia María García, Estefanía Padullés e Xulio López Valcárcel, entre outros.

A poeta Yolanda Castaño será a encargada de ler o pregón na inauguración da feira, que comezará hoxe ás 19,00 horas e que contará co acompañamento musical da Banda de Gaitas de Monforte de Lemos.

Horario

A Feira do Libro de Monforte de Lemos poderá visitarse a partir desta tarde. Nos próximos días (o 24, 25 e 26 de agosto), o horario de apertura será, polas mañás, de 12,00 a 14,00 horas e, polas tardes, de 18,00 a 22,00 horas.

As Feiras do Libro de Galicia 2017

Desde o pasado 31 de marzo, a Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promoveron a realización das Feiras do Libro nun total de 16 municipios das catro provincias galegas, dúas citas máis que o pasado ano. Verín, Ferrol, Santiago de Compostela, O Porriño, Lugo, Ourense, Redondela, Ribeira, Vigo, Rianxo, Mondoñedo, Ponteareas, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos foron os escenarios destes encontros culturais que teñen como principais obxectivos favorecer o comercio editorial e dinamizar a lectura.

23 de agosto de 2017 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.