publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Feiras do Libro chegan a Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

As Feiras do Libro de Galicia chegan á recta final da edición de 2017 no concello lucense de Foz, onde desenvolverán ata o 20 de agosto un programa con preto de 20 actividades. A praza de Conde Fontao converterase a partir desta tarde nun amplo escaparate cos títulos editoriais máis recentes, da man das librarías Pedreira, Arigato, Nobel Burela, Cartabón, Cortizas, Aenea e Bahía, xunto coa Editorial Eneida, para lle achegar á cidadanía os libros e a lectura.

A oferta editorial completarase con diversas propostas dirixidas a todos os públicos, que darán comezo hoxe ás 20,30 horas. Presentacións e sinaturas de libros con autores como Antonio Reigosa, Daniel Cid, José de Cora, Rocío López, Xaime Oroza e Hugo Sanmartín, entre outros, compartirán escenario con espectáculos de música e de maxia, para dinamizar a lectura entre os máis novos.

A décimo quinta cita das Feiras do Libro de Galicia de 2017 inaugurarase esta tarde ás 19,00 horas e poderá visitarse ata o 20 de agosto en horario de 17,30 a 22,00 horas.

Calendario das Feiras do Libro

Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, as Feiras do Libro de Galicia botaron a andar a súa programación de 2017 o pasado 31 de marzo no municipio ourensán de Verín, cun percorrido que proseguiu polos concellos de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Mondoñedo, de Ponteareas, da Coruña e de Viveiro. Logo do seu paso por Foz, as Feiras do Libro de Galicia rematarán a súa edición de 2017 no municipio lucense de Monforte de Lemos, entre os días 23 e 26 de agosto.

Co seu apoio ás Feiras do Libro de Galicia, a Consellería ten como obxectivos principais contribuír á dinamización do comercio editorial galego, así como fomentar a lectura entre a cidadanía a través da diversa programación de actividades que se vén desenvolvendo en cada un destes encontros.

Ademais, para impulsar a proxección exterior do libro galego, a Consellería de Cultura tamén promove a participación do sector editorial de Galicia nas principais citas internacionais arredor do libro. Ás feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Frankfurt e de Guadalaxara, en México, súmase este ano a asistencia a Liber, que terá lugar do 4 ao 6 de outubro en Madrid.

17 de agosto de 2017 | 14:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.