publicidade hoxe

Antonio Rodríguez Miranda: “Os datos constatan que o século XXI é o do retorno dos galegos do exterior”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaGalicia exteriorLocal PortadaOurense
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou hoxe que “fronte aos datos do século XX, con dúas grandes vagas de emigración, os dos últimos anos reflicten que a poboación galega nada no territorio e residente no exterior descende. Galicia segue medrando no estranxeiro, pero grazas ás segundas xeracións, é dicir, aos galegos nados xa na diáspora”.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de galegos nados en Galicia e residentes no exterior era de 162.813 en 2009, fronte a 156.225 en 2017, é dicir, diminuíu en máis de 6500 persoas, consolidando así a dobre tendencia comentada por Miranda: o número de nados en Galicia no estranxeiro descende, aínda que aumenta o número global de cidadáns residentes fóra, mercé á incorporación ao padrón de galegos xa nados no estranxeiro.

O alto cargo recordou que o Goberno galego ten posto en marcha numerosas medidas, desde varios departamentos, para fomentar o retorno e axudar aos galegos que deciden volver á súa terra. Así, desde o departamento que dirixe afirmou que: “temos axudas para os retornados emprendedores, puxemos en marcha becas para que os galegos do exterior completen a súa formación nas universidades galegas, e cada ano axudamos ás familias que, por diversas causas, tiveron que retornar con urxencia, un caso cada vez máis frecuente desde algúns países”. Trátase de medidas que, recordou o secretario xeral, “completan e son compatibles coas que gozan todos os galegos, residan dentro ou fóra do territorio”.

Miranda realizaba estas declaracións en Celanova na inauguración da mostra Os adeuses, fotografías de Alberto Martí, sobre a emigración galega a América durante o século XX, na sala de exposicións municipal da Casa do Concello, acompañado do alcalde en funcións da localidade, Julio Mosquera, e outros membros da corporación.

O secretario xeral da Emigración destacou asemade que a contribución dos residentes fóra da terra “non foi só económica. Tamén grazas aos galegos de América chegaron aquí as máquinas e sistemas de produción que modernizaron o agro, ou a educación no rural para os rapaces, e mesmo tamén para as rapazas, algo extraordinario naquel tempo”.

A mostra e o autor

Os adeuses, fotografías de Alberto Martí é unha compilación de imaxes asinadas polo fotoxornalista coruñés entre 1957 e 1963, que reflicten a partida de emigrantes galegos a América durante o pasado século XX. Producida polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Consello da Cultura Galega, componse de 51 imaxes en branco e negro en tamaño 40 x 40 cm. Trátase dunha serie de escenas de gran emotividade, que plasman as despedidas e os reencontros protagonizados nos peiraos galegos por xente anónima. Ademais do seu valor artístico, constitúe un importante documento da época.

Todas elas están positivadas en papel baritado e viradas ao selenio para a súa conservación. O tamén fotógrafo José Caruncho exerceu como coordinador técnico, autor do positivado e da selección das 73 fotografías que integran o catálogo e a compilación orixinal, a maior parte delas non reveladas ata o momento da estrea da exposición.

Alberto Martí Vilardefrancos (A Coruña, 1922) é unha das figuras máis relevantes da fotografía galega, recoñecido pola súa condición de retratista de historias humanas. Desenvolveu o seu traballo tanto desde unha histórica tenda de fotografía da Coruña como ao longo dos máis de 50 anos nos que exerceu como reporteiro no xornal La Voz de Galicia. Ao longo da súa prolixa traxectoria, recibiu cantidade de galardóns nacionais e internacionais, entre os que destaca o Premio Nacional de Periodismo Gráfico.

22 de agosto de 2017 | 14:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.