publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca o importante traballo que desenvolven as oficinas agrarias comarcais no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSarria
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Sarria e aproveitou para agradecer aos empregados destas oficinas repartidas por todo o territorio o importante e necesario labor que desenvolven en favor do rural galego. “Trátase dun servizo imprescindible para gandeiros e agricultores, xa que os técnicos que as integran tanto ofrecen asesoramento á hora de pedir axudas coma para a mellor xestión das explotacións”, sinalou a responsable autonómica.

Ángeles Vázquez explicou que o oficio que desenvolven as 67 oficinas agrarias comarcais de Galicia facilita aos gandeiros e agricultores trámites administrativos de todo tipo como a solicitude de axudas, pero tamén todo o que ten que ver co Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga): baixas, altas, modificacións, expedicións de certificados, etc. Entre o seu labor destaca, por exemplo, a tramitación da PAC e das subvencións dos plans de mellora, de incorporación de mozos e para pequenas explotacións. “En todos estes casos o asesoramento previo é crucial para os titulares das explotacións”, sinalou a conselleira e engadiu que tamén ofrecen apoio técnico para dúbidas do seu día a día.

Por provincias, A Coruña dispón de 20 oficinas, Lugo de 18, Ourense 15 e Pontevedra 14. En concreto, a oficina agraria de Sarria é unha das de maior tamaño e atende as demandas das granxas situadas nos concellos de Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos Sarria e Triacastela. Calcúlase que nestes municipios hai unhas 1.760 explotacións de vacún cun censo aproximado de 40.000 cabezas de gando.

A oficina agraria de Sarria conta con 11 traballadores, dos máis de 500 profesionais que traballan nestes departamentos en Galicia, entre veterinarios, técnicos, administrativos e outros. Un servizo que, segundo indicou Ángeles Vázquez, contribuíu a que a gandaría e agricultura en Galicia sexa sinónimo de “calidade” cuns estándares de hixiénico-sanitarios moi altos. “Desenvolven un labor administrativo e de campo, en moitas ocasións, complicado”, admitiu a conselleira e explicou que son estes traballadores os primeiros en escoitar as necesidades e demandas do distintos sectores. “De aí que esta atención se perciba con agarimo por parte dos gandeiros e agricultores”, sinalou a conselleira.

31 de agosto de 2017 | 14:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.