publicidade hoxe

Ángeles Vázquez asina cos rexedores de Melide e Toques o convenio para renovar a ponte sobre o río Furelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelideToques
A-
A+
Ángeles Vázquez na sinatura do convenio

Ángeles Vázquez na sinatura do convenio

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou este mediodía coa alcaldesa de Melide, Dalia García, e co alcalde de Toques, Xosé Anxo Penas, un convenio de colaboración para renovar a ponte sobre o río Furelos, que comunica ambos concellos. Esta intervención suporá un investimento por parte da Xunta de algo máis de 300.000 euros.

A titular de Medio Rural explicou que o arranxo deste viaduto, localizado no lugar de Mazaira, é unha reivindicación histórica dos veciños e usuarios da zona, en especial dos pescadores de troitas do río Furelos, xa que de feito a ponte é coñecida coma a dos troiteiros. A reforma consistirá no levantamento dunha nova estrutura, porque a actual está en estado ruinoso, mellorando así o paso dos residentes entre ambos concellos coruñeses a través dunha intervención cun prazo de execución de tres meses.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, sinalou que esta actuación é especialmente necesaria para mellorar a dotación de infraestruturas viarias na zona, de aí que a consellería accedera a colaborar tanto no financiamento como na xestión da licitación e da execución da obra.

A conselleira dixo que con esta actuación a Administración autonómica contribúe non só ao desenvolvemento do agro galego, senón tamén a facilitar as comunicacións dos veciños e a dotalos dos servizos básicos necesarios para contar cunha boa calidade de vida, fomentando así a fixación da poboación no rural, obxectivos fundamentais do traballo da Xunta nesta materia.

14 de agosto de 2017 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.