Alfonso Rueda recibe a un grupo de promesas do piragüismo da provincia de Pontevedra
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe en Pontevedra a un grupo de promesas do piragüismo da provincia de Pontevedra, aos que felicitou polos seus recentes logros e pola súa traxectoria.
O vicepresidente estivo acompañado no acto polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, así como por varios dos familiares dos deportistas.
No encontro participaron os cambadeses Manuel Fontán e María Pérez, do clube Náutico de Ribadumia. Deste xeito, Manuel Fontán foi medalla de ouro en C1-200 e C1-500 nos Xogos Olímpicos Europeos da Xuventude en Hungría, e María Pérez, pola súa banda, medalla de prata en CS-200 xuvenil no Campeonato do Mundo Xuvenil e Sub23 de Rumanía. Tamén asistiu á recepción, Carla Friero, medalla de prata en K4-500 xuvenil do clube Torres de Catoira nesta mesma competición de Rumanía.
Outras xoves promesas que tamén estiveron presentes neste encontro e que obtiveron medalla no Campeonato do Mundo Xuvenil e Sub23 de Rumanía foron Pablo Graña do Náutico de Cangas e Antía Jacome, do Cidade de Pontevedra, ambos medalla de prata en C2-200 xuvenil, así como Camila Morrison do Naútico de Ponte Cesures, medalla de prata en C2-500 Sub23, e Carolina García, do Clube Cidade de Pontevedra, medalla de prata K4-500 xuvenil.