publicidade hoxe

A Xunta publica a licitación da redacción do proxecto construtivo para a mellora da intermodalidade de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da redacción do proxecto construtivo da adecuación para a intermodalidade do conxunto formado polas actuais terminais de autobús e ferroviaria de Pontevedra.

A presentación das ofertas correspondentes poderá realizarse ao longo dos vindeiros 15 días naturais, contados desde mañá.

Cómpre lembrar que a semana pasada tiña lugar a sinatura do acordo entre Xunta e Concello co que se comprometeron de forma oficial a acometer as actuacións para que Pontevedra dispoña dunha estación intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus cidadáns.

O Goberno galego comprométese a redactar os proxectos e a licitar, adxudicar e acometer as obras previstas no convenio, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros, do que o 75% será achegado pola Xunta. Este investimento permitirá executar a reordenación da actual zona de aparcadoiro, un novo acceso á estación desde a rúa Josefina Arruti ou a optimización da conexión a pé entre as dúas terminais cun itinerario peonil. Tamén posibilitará a reforma do edificio actual da terminal de autobuses, que ascende a 1,5 millóns de euros, e cuxo prego de condicións se está redactando para licitar e adxudicar este ano a redacción do proxecto e, a continuación, iniciar a contratación das súas obras.

Pola súa parte, o Concello asume as obrigas de cofinanciar os traballos, co 25% do orzamento, poñer á disposición os terreos necesarios e realizar as xestións urbanísticas precisas. Ademais, unha vez rematadas as obras, asumirá a titularidade e mantemento daquelas novas infraestruturas que non pertenzan propiamente á estación de autobuses, como é o caso do itinerario peonil que conecta ambas terminais.

9 de agosto de 2017 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.