publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste 585.000 euros na reparación e reforzo do firme de tres estradas de once concellos coruñeses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAbegondoBetanzosBoimortoCarralCurtisLocal PortadaMelideMesíaOza/CesurasSantisoSobradoVilasantar
A-
A+

A Xunta de Galicia realiza un investimento de algo máis de 585.000 euros no reforzo e reparación do firme en varios tramos das estradas autonómicas AC-840, a AC-934 e a AC-223 ao seu paso polos concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Boimorto, Melide, Santiso, Sobrado dos Monxes, Mesía, Abegondo e Carral. O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou un dos tramos nos que se están a executar os traballos acompañado polos alcaldes de Abegondo, José Antonio Santiso e de Carral, José Luís Fernández Mouriño.

As obras teñen por obxecto reparar o firme danado ou en mal estado en diversas estradas dos concellos mencionados, mellorando as súas características actuais e acadando un incremento da seguridade viaria. Os traballos máis importantes consistirán no fresado do pavimento para reparar a base de capas de microaglomerado en frío deterioracións localizadas como rodeiras, gretas, afundimentos, peladuras e fochancas. Ademais, as obras tamén permitirán o selado das fisuras lonxitudinais non estruturais da capa de rodaxe, a mellora e reforzo da sinalización vertical e a reposición da sinalización vertical afectada.

O prazo de execución das obras e de catro meses e foron adxudicadas á empresa Construcciones López Cao. Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a mellorar case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica.

Ovidio Rodeiro sinalou que “o Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos”.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

16 de agosto de 2017 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.