publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta impulsa a competitividade do comercio con dous millóns de euros para a expansión dos negocios e as iniciativas innovadoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa de Sol Vázquez

Rolda de prensa de Sol Vázquez

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe en rolda de prensa as novas axudas á expansión comercial e dixital, ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2 millóns de euros. Tal e como explicou Vázquez Abeal, con estes apoios prevese impulsar máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego, contribuíndo así á mellora da competitividade do sector. O programa está destinado a pemes que veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos, impulsando así o seu crecemento e innovación.

Por unha banda, segundo informou en rolda de prensa a directora xeral, apoiaranse con ata 30.000 euros os proxectos de expansión comercial, para a apertura de novos establecementos. O proxecto poderá basearse no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial que xa estaba en marcha, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou en novas tendencias de consumo, e deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.

Por outra parte, concederanse axudas de ata 3.500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura por un prazo máximo de dous meses dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para testar un mercado ou un proxecto comercial innovador.

Segundo sinalou Vázquez Abeal os comerciantes poderán acceder ademais a apoios de ata 1.080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e titorización dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de expansión.

A publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) está prevista para mañá, abrindo así un prazo de presentación de solicitudes dun mes que rematará o o próximo 11 de setembro.

O novo programa compleméntase coas axudas destinadas á modernización e mellora da imaxe do comercio galego, dotadas con 1,3 millóns de euros e que están nestes momentos en fase de resolución, a través da cal se apoia tamén a novos emprendedores, e que conta con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a comerciantes galegos acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

Ambos programas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020, e que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

10 de agosto de 2017 | 13:39 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario