publicidade hoxe

A Xunta colabora coas asociacións de comerciantes de Vigo no impulso da competitividade no sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraVigo
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe a aposta que o Goberno da Xunta está a realizar polo asociacionismo comercial na súa vista, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, á praza de abastos do Porriño.

A directora xeral informou de que a Xunta apoiará con máis de 350.000 euros actuacións nun total de sete prazas e nove centros comercias abertos da área de Vigo, o que supón o 38% das axudas concedidas na provincia. En concreto, trátase das prazas de Moaña, Cangas e Baiona e as do Calvario, Teis, As Travesas e Progreso en Vigo. Tamén acadaron apoios a Asociación de Comerciantes de Cangas, Calvario Centro Comercial Aberto, Aetravi, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, a Agrupación Pequeno Comercio de Moaña, a Asociación de Comerciantes de Teis, a Asociación de Comerciantes e Profesionais da Zona Príncipe, e a Asociación de Empresarios de Redondela. Entre os beneficiarios tamén se atopa a Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño, un concello que, desde 2009, se beneficiou de máis de 300.000 euros de axudas destinadas ao asociacionismo comercial, así como de 400.000 euros para actuacións na praza de abastos.

As axudas que veñen de concederse permitirán realizar diferentes campañas de dinamización, incoporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa, e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

Os apoios poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No que respecta ás asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

A través destes apoios a Xunta colabora en Galicia con 79 entidades, das cales 51 son CCA e 28 asociacións de comerciantes dos mercados, no impulso á competitividade do sector, respaldando preto de 700 accións en toda a comunidade co obxectivo de atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

23 de agosto de 2017 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.