publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avanza no proxecto do Gran Montecelo co anuncio da licitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se anuncia a licitación da contratación do servizo de elaboración do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, do anteproxecto para a reforma e ampliación do Hospital de Montecelo, redacción do proxecto básico e de execución e dirección facultativa da fase I da obra de construción do Gran Montecelo.

A Xunta destinará dous millóns de euros a este contrato, ao que se poderán presentar ofertas ata o 12 de setembro. O proxecto do Gran Montecelo suporá ampliar o hospital público pontevedrés nunha superficie equivalente a dous hospitais comarcais, en torno a 40.000 metros cadrados na primeira fase. Na segunda fase mellorarase, ademais, a superficie actual.

O plan recolle que o 57% dos cuartos serán individuais e que aumentará nun 92% o número de salas e postos de urxencias, e súmanse un 49% máis de postos no Hospital de día, incluíndo, deste xeito, melloras na comodidade, na intimidade e nos espazos de esparcemento para pacientes e familiares. O centro incorporará tamén máis especialidades hospitalarias, como unha nova UCI pediátrica e unha unidade de oncoloxía radioterápica, ademais de 120 camas máis.

O Gran Montecelo será o primeiro hospital de España construído a partir do diálogo e das achegas de todos os axentes implicados, xa que para elaborar o seu plan director foron consultados máis de 300 profesionais sanitarios, cinco asociacións, os colexios profesionais de médicos e fisioterapeutas e os profesionais do centro penitenciario da Lama. Ademais, realizáronse máis de 2.300 enquisas a usuarios.

O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal deberá ser sometido a exposición pública, publicado no DOG e contar cunha memoria ambiental e un informe urbanístico, entre outros trámites, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. Os seguintes pasos cara a consecución do Gran Montecelo serán a redacción do proxecto de execución, a xestión da expropiación dos terreos necesarios e a licitación da obra que, previsiblemente, se comezará no ano 2019, unha vez superados todos os trámites necesarios.

Renovación do mapa sanitario

Deste xeito, séguese avanzando na renovación do mapa sanitario de Galicia, que xa deu froitos nos dous novos hospitais de Vigo e Lugo, o Plan director para a ampliación do de Ferrol, a ampliación dos hospitais do Salnés e da Costa, o novo edificio de hospitalización de Ourense e o novo bloque cirúrxico da Coruña, que comezarán a funcionar nos próximos meses.

Xa na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra, nos últimos anos, incorporáronse tres novos quirófanos no Hospital Provincial, púxose en marcha o centro de saúde da Parda, ademais de novos servizos no Montecelo (como a Unidade post-endoscópica, o novo Hospital de día psiquiátrico e a ampliación da área de Oncoloxía) e varias melloras no Centro de especialidades de Mollabao.

9 de agosto de 2017 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.