publicidade hoxe

A senda entre Neaño e a Carballa estará á disposición dos veciños de Cabana de Bergantiños o vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños, supervisou hoxe o inicio das obras da senda entre Neaño e A Carballa, na estrada AC-429, que en 2018 xa poderá ser empregada polos veciños deste concello.

Vázquez Mourelle explicou que esta actuación, cun investimento de arredor de 400.000 euros e un prazo de execución de 6 meses, suporá maior comodidade nos desprazamentos dos veciños, xa que poderán percorrer de xeito seguro e sustentable a distancia entre os citados núcleos, onde están situados equipamentos como a Casa do Concello, o Centro de Saúde, o colexio, a zona deportiva ou as oficinas bancarias.

Esta senda, ao conectar coas beirarrúas xa existentes, posibilitará a creación dun itinerario de case 7 km que tamén lle permitirá aos veciños desprazarse entre Ponteceso e Taboído en condicións de maior seguridade.

Os traballos, que se iniciaron a semana pasada, consisten na construción dun novo itinerario, de uso compartido peonil e ciclista, ao longo de 1,6 km. A maior parte da senda transcorre pola marxe esquerda e pola dereita só se construirán uns 200 metros do novo itinerario.

O itinerario terá ancho variable, con distintos tipos de sección dependendo se a zona e ou non urbana, e prevé, como elementos de separación, cuneta transitable, franxa axardinada e bordo de formigón.

A conselleira subliñou que esta actuación é un claro exemplo do interese da Xunta por avanzar no desenvolvemento do Plan de Sendas da Comarca de Bergantiños, que que prevé a construción de 7 itinerarios, que suman 11 quilómetros e un investimento de 5 millóns de euros.

Ethel Vázquez destacou que este plan, que está a pasar do papel á realidade, atópase moi avanzado, xa que máis da metade das sendas están en obras, por exemplo, os itinerarios entre Carballo e Bértoa, Laracha e Paiosaco, Xornes- Buño-Canta La Rana, e Neaño- Cabana. Engadiu que o itinerario entre A Laracha- O Cancelo xa está licitado e as sendas que conectarán Carballo e Coristanco ou Laxe e o paseo marítimo atópanse en supervisión ou en fase de redacción do proxecto.

7 de agosto de 2017 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.