publicidade hoxe

A nova depuradora da Laracha dobrará a capacidade de tratamento actual e dará servizo a unha poboación de máis de 7.500 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a executar as obras de ampliación e mellora da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Laracha, que foi adxudicada por un importe de preto de 1,5 millóns de euros e que permitirá, unha vez rematen os traballos, dar servizo a unha poboación de máis de 7.500 habitantes.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitaron hoxe esta actuación que permitirá dobrar as capacidades actuais da planta de tratamento de augas, xa que pasará de poder tratar un caudal punta de 125 m3/hora a 247 m3.

Tamén se recolle a remodelación do pretratamento cunha nova liña, onde se engadirá un novo reactor anaeróbico e se mellorará o funcionamento dos reactores biolóxicos. Ademais, executarase un novo decantador secundario que deixará espazo por se nun futuro pode se preciso construír un terceiro tanque. As obras tamén renovarán a liña de lodos.

Todas estas actuacións, xunto coa incorporación dun tratamento de desinfección mediante ultravioleta, permitirá que as augas depuradas cumpran cuns requisitos de calidade máis estritos que os actuais. A intervención completarase cun novo sistema de control e telexestión, así como un sistema de alarma para o seguimento de todas as variables do proceso.

Os traballos, que teñen un período de execución de 24 meses, rematarán coa revexetación e hidrosembra dos terreos que ocupará esta nova instalación e coa ampliación do peche da parcela.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, destacou o esforzo do Goberno galego por levar a cabo infraestruturas hidráulicas que melloren a calidade das masas de auga da Comunidade autónoma; ao tempo que representan unha un exemplo de colaboración entre administraticións, para garantir á cidadanía o acceso ao servizos públicos en calidade e cantidade á cidadanía e se da cumprimento á Directiva Marco da Auga.

Pola súa banda, o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, manifestou que “para un concello é de vital importancia poder ofrecer á poboación un sistema de xestión integral do ciclo da auga a través de procesos de abastecemento e saneamento, xa que inciden directamente nunha mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas ao sumar as prestación de servizos básicos co coidado medioambiental do territorio”.

2 de agosto de 2017 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.