publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A música clásica será protagonista en Ponteareas co Festival Rogelio Groba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLocal PortadaPonteareas
A-
A+

O Festival Rogelio Groba volve converter a localidade pontevedresa de Ponteareas no epicentro galego da música clásica, desde hoxe e ata o vindeiro 18 de agosto. Durante estes días, a quinta edición do encontro, co que colabora a Consellería de Cultura e Educación, reunirá intérpretes de prestixio internacional e novas promesas, ademais de contar coa Orquestra de Cámara Galega como agrupación residente do festival.

A actuación de apertura, que contará coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, será esta noite, ás 21,00 horas, no auditorio municipal. Á mesma hora e neste mesmo escenario desenvolverase o resto da programación musical, con excepción do concerto do día 16, que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello. Ademais, o domingo 13 de agosto realizarase un concerto matinal na Residencia de Maiores Santa Ana.

Participación de recoñecidos intérpretes

A Orquestra de Cámara Galega será a encargada de abrir e de clausurar o festival, no que participarán recoñecidos intérpretes procedentes de diversos países, como os violinistas Guy Braunstein (Israel), Hélène Desaint (Francia) e Clara Jumi Kang (Alemaña); os pianistas Julien Quentin, Anna Crexells e Sunwook Kim; a violonchelista rusa Anastasia Kobekina e mais o israelí Zvi Plesser; a frautista Gili Schwarzman, o músico franco suízo Miguel da Silva ou a soprano catalá Isabella Gaudí, que cantará en galego dúas pezas do mestre Groba que serán estreadas nesta quinta edición do festival.

Tampouco faltarán recoñecidos músicos galegos, como o violinista Pablo Vidal e mais o frautista Bernabé Simes, ademais dos integrantes do programa Xoves Músicos Galegos: os violonchelistas Alba Reirís e Manuel Lorenzo, a pianista Antía Couto, Ramón Pérez Sendín (clavicémbalo) e o compositor Luis Álvarez Cabado.

Estreas de Groba e de Álvarez Cabado

Os compositores galegos serán protagonistas do repertorio musical, con diversas estreas, como a da peza Concerto número 1, unha obra para violonchelo do lucense Luis Álvarez Cabado, unha das grandes promesas da composición galega. Ponteareas tamén acollerá a estrea de Na Barxa e Na Suaviña, dous ciclos de factura similar, con textos extraídos da recompilación de coplas populares realizada por Ramón Cabanillas na súa obra Antífona da cantiga, aínda que algúns dos topónimos foron adaptados a lugares vinculados á propia vida do mestre Groba). Tamén, como estrea absoluta, interpretarase unha obra escrita especificamente para o festival: Tipoloxías, Suite nº II.

Ademais destas estreas, tamén soarán outras composicións de Groba xunto con autores habituais do repertorio internacional como Grieg, Ginastera, C. Schumann, Brahms, Dvorak, Vivaldi, Albéniz, Mozart, Granados, Smetana, Kodaly, Rameau, J. S. Bach e C. Frank.

A divulgación da música do compositor Rogelio Groba, o fomento do estudo da música clásica, a aprendizaxe con mestres internacionais que complemente a formación dos novos intérpretes e situar Galicia como punto de referencia da música de cámara son os principais obxectivos deste festival, que conta, desde a súa primeira edición, co apoio do Goberno galego.

11 de agosto de 2017 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.