publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra denegará a axuda á asociación romería cabalar de Moraña se celebra o tentadero taurino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMorañaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

“A deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cultura e Lingua, non admitirá baixo ningún concepto que se financien actividades e eventos que conleven maltrato animal, e menos cando intentaron colalos a través de certa picaresca nas subvencións do Ano do Patrimonio que foron aprobadas fai uns meses”. Así de rotundo se manifesta o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ante a polémica xurdida a raíz da inclusión dun tentadero no marco da XXI Romaría Cabalar de Moraña. O deputado nacionalista considera que a inclusión posterior desta actividade vulnera o sentido fundamental da liña de axudas do Ano do Patrimonio, e asegurou que “xa se lle deu traslado á propia asociación de que a celebración deste tentadero taurino vai conlevar a denegación da axuda e agora está na súa man celebralo ou non”.

Xosé Leal lembra que todas as axudas que convoca o departamento de Cultura e Lingua contemplan un epígrafe que exclúe expresamente as “actividades que conleven ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais”. Este epígrafe vai en concordancia co acordado no pleno da Deputación de Pontevedra en setembro de 2015 para declarar a provincia como territorio libre de touradas. Este acordo plenario adopta, no seu punto 1, a decisión de “declarar a Deputación de Pontevedra como institución contraria ás touradas, impedindo que os fondos provinciais dean calquera tipo de soporte a este entramado”.

A Asociación Romería Cabalar de Moraña presentara unha solicitude ao abeiro das Axudas dirixidas a entidades para as actividades do Ano do Patrimonio 2017, para celebrar unha romaría coa que fomentar e promover a cultura e tradición ecuestre. Na memoria de actividades contemplaban os seguintes puntos:

II Ruta cabalar homenaxe ao seu presidente honorífico e fundador da Romería Cabalar (José Luís Gómez Sueiro), que transcorrerá por gran parte das parroquias do concello así como dos concellos limítrofes, facendo entrega dunha medalla a todos os seus participantes.

Comida de homenaxe tras a finalización da Ruta Cabalar nunha das carballeiras mías célebres de Galicia (a carballeira de Santa Xusta).

Exhibición e concursos morfolóxicos de estampa e beleza das distintas razas de cabalos, concretando a súa morfoloxía e características, explicadas e desenvoltas por xuíces de gran prestixio e categoría no mundo do cabalo en Galicia.

Tras a finalización de ditos eventos pasarase á entrega dos trofeos aos mellores cabalos e xinetes.

Ao abeiro da liña de axudas para actividades do Ano de Patrimonio 2017, a Asociación Romería Cabalar de Moraña ten aprobada unha achega de 1.029 euros, que non lle será aboada no caso de que no marco da romaría se inclúa a celebración do tentadero taurino. “Nós si que defendemos que as romarías cabalares son elementos primordiais no noso patrimonio, pero os tentaderos taurinos non se axustan nin á nosa cultura nin ao que nós entendemos que debe ser subvencionado por esta Deputación” engadiu Xosé Leal.

25 de agosto de 2017 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.