publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo patrocina a VII Festa Indiana de Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaVilalba
A-
A+
Presentación da Festa Indiana

Presentación da Festa Indiana

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero, presentaron este luns na Escola Habanera de Santaballa, a VII edición da Feira Indiana de Vilalba, que organiza a Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa e que terá lugar o 16 de setembro na Parroquia de Santaballa, no municipio vilalbés. O Goberno da Deputación colabora coa celebración deste evento cunha achega económica de 2.000 euros, converténdose, deste xeito, no principal patrocinador da festa, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e culturais nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.

Vidal Baamonde remarcou que “a achega económica que realiza o organismo provincial a esta cita turística que xa está consolidada, é un investimento real e directo para promocionar toda a Terra Chá. Durante a feira seremos testemuña da transformación de toda a parroquia de Santaballa, na que se poderá revivir a recreación dun recuncho de Cuba, un dos destinos que tivo a emigración de finais do S.XIX. Con esta feira poñemos en valor o legado cubano desta zona, a gastronomía e os oficios tradicionais lucenses, ademais de dinamizar a economía do Concello de Vilalba e promover o turismo, posto que se prevé a participación de preto de 2.000 persoas”.

O Deputado de Turismo engadiu que “ademais da achega que realizamos á Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, colaboramos a través do CENTRAD cunha demostración de olería a cargo dun artesán, enmarcada no Programa de Promoción da Artesanía”.

Nesta VII edición da Feira Indiana participarán preto de 20 profesionais da artesanía, chegados de distintos puntos da xeografía galega, que amosarán ao público distintos oficios tradicionais, como a cantería, cestería, tornaría ou forxa, así como outros 20 postos con produtos da zona á venta, como empanadas, chourizos, doces ou licores, entre outros. Ao longo da xornada haberá visitas guiadas á casa museo da Liga Santaballesa, exposicións etnográficas e fotográficas, actividades infantís, espectáculos teatrais e actuacións musicais.

Programación

Ás 12:30 horas.- Terá lugar o partido benéfico entre o Ardebullo C.F. e a Liga Santaballesa C.F. no que participarán ex xogadores do Real Club Deportivo de la Coruña e o actores e cómicos Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro. Todo o recadado irá a Cruz Vermella e Médicos sin Fronteras.
Ás 14:00 horas.- Comezará a actuación da orquestra Dúo D´Ases.
Ás 15:00 horas.- Xantar servido por Rochela. Os interesados en mercar as entradas poden facelo ata o 14 de setembro na Cooperativa de Santaballa e nos 637 029 775 e 652 790 220.
A partir das 16:00 horas.- Haberá animación infantil con obradoiros de oficios tradicionais, cabezudos e xogos tradicionais, demostracións artesanais, espectáculos a cargo do Grupo Humorístico Trípode e o Grupo teatral Tanxedoira, actuacións musicais a cargo da Charanga La Mekanika, do Grupo de Música Tradicional Os Feroces da Galgueira, Habaneira e Cantos de Taberna con Tanxedoira.
Ás 21:00 horas.- Terá lugar a tradicional queimada teatralizada por Manolo Ferreiro. A continuación, para rematar a festa, haberá unha foliada co Dúo D´Ases.

28 de agosto de 2017 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.