publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo patrocina a Festa da Empanada de Chantada con 3.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaChantadaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e o Tenente de Alcalde de Chantada, Manuel Diéguez Carballo, presentaron este martes diante do Auditorio Municipal, a Festa da Empanada de Chantada que terá lugar o vindeiro 30 de agosto no Campo de San Lucas, coincidindo coas festas patronais do municipio. Deputación e Concello colaboran un ano máis para a realización desta cita gastronómica. En concreto, o Concello de Chantada inviste 1.000 euros e o Executivo Provincial achega outros 3.000, converténdose, deste xeito, no principal patrocinador da festa, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e culturais nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.

García Porto subliñou que “o Goberno da Deputación colabora activamente con estes eventos gastronómicos, para promocionar á calidade dos produtos autóctonos, ao tempo que ofrecemos unha actividade atractiva a lucenses e visitantes durante a época de verán”. A Deputada de Cultura tamén destacou que esta festa “é un importante pulo á economía local, posto que se favorece a afluencia de público chegado dende distintos puntos da xeografía lucense e galega, pois espérase a participación de máis de 5.000 persoas”.

Durante a Festa da Empanada o Concello de Chantada pon a disposición das persoas que se acheguen ata alí, autobuses que sairán, cada 10 minutos, dende o centro da localidade ata o Campo de San Lucas. As familias que ata alí se acheguen poderán levar a súa comida, na que non faltará o prato estrela da xornada: a empanada. Aínda que, se así o prefiren, poderán desfrutar tamén dos menús típicos das romarías, nos postos de churrasco e polbo. A sobremesa estará amenizada pola charanga Garrafón.com, o grupo de gaiteiros Os Barrios, a charanga Os Caliqueños e Festicultores. Pola noite, a verbena correrá da conta da Orquestra Olympus, na Praza de Santa Ana.

22 de agosto de 2017 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.