publicidade hoxe

A Deputación da Coruña avanza na ampliación na rede de abastecemento de Vilasantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVilasantar
A-
A+

Os deputados Xosé Regueira e Xesús Soto visitaron o concello de Vilasantar para estudar o avance das obras da rede de abastecemento da parroquia de San Vicenzo de Curtis. Na visita, reuníronse cos concelleiros da corporación José Antonio Cotos Seoane, Marta García Sánchez e Álvaro García Freire (BNG) cos que avaliaron o estado das obras financiadas pola Deputación da Coruña e os proxectos de cara ao futuro.

Máis de trescentas persoas son beneficiadas directamente pola ampliación da rede de abastecemento que se está a desenvolver no concello de Vilasantar cos ramais a Xemeras, Casavella, Lavanceira, San Vicente de Curtis, Brai, Bao, Fortaleza, Vilamaor, Liñares e O Vilar. En total, a ampliación incrementa unha lonxitude de 13314 m á rede. Con anterioridade, a parroquia rexistrou unha obra previa cun orzamento de 326.216 € dos que a Deputación achega un 80%, é dicir, 260.972 €, como comprobaron os deputados Xosé Regueira e Xesús Soto na súa visita.

A nova actuación inclúe obras para a adecuación e terminación do peche da parcela do depósito, a súa limpeza e desinfección e a posta a punto das instalacións existentes. Na obra, estanse a colocar sumidoiros cada 1000 m. de rede para facilitar o valeirado das tuberías no caso de reparación ou limpeza.

Na xuntanza cos representantes da corporación municipal que asistiron ao encontro convocado pola Deputación avaliáronse os novos investimentos do Plan Único de Concellos en Vilasantar que suporá unha achega de 426.533,49 € dos que 160.209,87 destinaranse a gasto corrente que inclúe persoal para o servizo de subministración e auga potable ou de mantemento dos accesos aos núcleos de poboación ademais doutras previsións para a recollida de lixo ou alumeado público. Ademais, a través do Plan Único de Concellos, financiarase a pavimentación do acceso ao Campo Zanfonga e Panacioi e a mellora do acceso ao Fachal e Iglesario Armental, dúas actuacións para as que a Deputación da Coruña achegará uns 175.000 €.

Recuperación da memoria do alcalde asasinado

Na visita, Xosé Regueira e Xesús Soto, acompañados dos concelleiros nacionalistas José Antonio Cotos, Marta García e Álvaro García visitaron tamén a filla de Antonio Iglesias Corral, alcalde de Vilasantar asasinado en 1936, a quen lle transmitiron a vontade da Deputación da Coruña de recuperar a memoria das corporacións represaliadas para o que se está a desenvolver a investigación “A Xeración Perdida”. Con ela, comprometéronse a recibila oficialmente na sede da Deputación da Coruña como homenaxe ao alcalde que perdeu a vida polo seu compromiso coa legalidade vixente.

2 de agosto de 2017 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.