publicidade hoxe

A Deputación achega 6.000 euros para a celebración das festas de San Roque de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá con Alberto Varela, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, un convenio polo cal a institución provincial achega a cantidade de 6.000 euros que permitirán financiar unha parte dos custos das festas de San Roque da vila, que terán lugar entre os días 10 e 20 de agosto. A Presidenta, Carmela Silva, asegurou que “desde o Goberno provincial apostamos polas festas das Rías Baixas que, neste caso, teñen acadado a importancia de Interese Turístico Nacional”. As Festas de San Roque, a celebración patronal da vila, combínase desde 1984 coa Festa da Auga, na que milleiros de nenas, nenos, mozas e mozos percorren as rúas do concello pregando á veciñanza que os e as refresquen con auga.

Carmela Silva lembrou que “a Festa da Auga nas Rías Baixas atrae a moitísima xente, arredor de 40.000 persoas que van aumentando cada ano” ata o punto de seren “unha das nosas festas do verán que se converteron nunha referencia e que acadaron moita importancia para nós”. A Presidenta afirmou que “as festas de San Roque de Vilagarcía teñen moita capacidade de atracción turística mesmo a nivel internacional, porque cada vez vén máis xente non só de toda Galicia senón de todos os puntos do Estado e tamén de Europa”.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu “a achega da Deputación de Pontevedra” e “a aposta por outra maneira de promocionar o turismo, que non se fixe só na beleza da nosa zona senón que aposte pola modernidade e polo turismo cultural”. Carmela Silva lembrou o apoio da institución provincial a outro evento cultural destacado de Vilagarcía, o festival Revenidas integrado nos #RíasBaixasFests, e asegurou que “o alcalde máis eu imos intentar ensaiar para que na rolda de prensa do ano que vén poidamos facer cando menos un pequeno verso de regueifa”.

A Deputación de Pontevedra aposta “polo apoio económico de todas as festas de interese nacional e internacional, porque fan que veñan moitísimos e moitísimas visitantes”, sinalou a Presidenta, e no caso das Festas de San Roque valorou mi positivamente “que ademais de ser unha celebración lúdica, onde a xente participa, divírtese e é feliz, ten moitísimo contido social e solidario”. Carmela Silva asegurou que “fala das tradicións da vella Europa, desde os seus elementos culturais, pero hai que poñer en valor todos estes contidos que, ademais, impregnan toda a actuación política do Goberno de Vilagarcía de Arousa” para “facer de nós un referente festivo, ao falar moi ben da nosa provincia porque son, tamén, outro elemento máis de atracción turística e que as persoas valoran moito”. A Presidenta provincial lembrou que “temos moitas festas de interese turístico na provincia, pero non nos esquecemos de que ao lado da alegría tamén hai que pensar nas persoas que precisan ao conxunto da sociedade”.

Alberto Varela sinalou que “en Carmela Silva temos a mellor embaixadora posible” e resaltou “a notable diferenza da relación da institución provincial co noso concello desde hai dous anos, hai un compromiso con Vilagarcía moi grande e un cambio moi notorio xa que os alcaldes e alcaldesas podemos opinar sobre en que é necesario investir, algo que só se entende desde o municipalismo”. O rexedor animou “a que todo o mundo desfrute destas festas, que lembro son de interese turístico, e que nos acompañe o tempo” e Carmela Silva sinalou que “Vilagarcía vai ter dez días de festa e de felicidade para a xente, que son moitos, e oxalá puideramos prometer hoxe dez días de sol”. Este ano as Festas de San Roque levarán a Vilagarcía actividades como os concertos de Rosendo e de Roi Casal, o Festiclown (no que se conxugan actividades lúdicas cun compoñente social, actividades culturais e actuacións musicais, entre outras) ou tamén o tradicional Combate Naval.

3 de agosto de 2017 | 14:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.