publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Agasp forma a súa décima promoción de axentes de Policía Local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal Portada
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, visitaron hoxe aos axentes de policía local en prácticas destinados neste concello.

Estes dous axentes intégranse na 10 promoción que forma a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Logo de superar a primeira parte do proceso selectivo nos concellos de orixe, os futuros policías locais fórmanse na Academia durante nove meses: seis de carácter presencial e en réxime de internado, e tres de prácticas nos concellos de procedencia. En todo momento están tutelados pola propia academia.

O 22 de maio comezaron a súa formación, totalmente práctica, en materias como intervención policial; dereito penal, procesual e constitucional; tráfico e seguridade viaria; deontoloxía policía; psicoloxía; defensa persoal; medio ambiente e violencia de xénero.

Posteriormente do 15 de xullo ao 4 de setembro realizan prácticas nos seus concellos de orixe. A partir desa data, volven ás instalacións da AGASP ata o 22 de decembro para rematar a formación. A continuación, hai un último período de prácticas entre o 23 de decembro e o 31 de xaneiro nos seus concellos. Despois, e tras o informe favorable preceptivo da AGASP, toman posesión nos corpos de policía local dos respectivos concellos.

En concreto, esta décima promoción está composta por 17 alumnos e alumnas procedentes de nove concellos diferentes: Vilagarcía de Arousa e Oleiros, con tres axentes en prácticas cada un; Baiona, Pontevedra, Betanzos e O Barco de Valdeorras, con dúas prazas cada concello; e Ourense, Ferrol e Lalín cun alumno/a cada un.
Como policías en prácticas tutelados pola academia, os alumnos e alumnas -perfectamente identificados coas insignias da AGASP- carecen da condición de axentes da autoridade. Van sempre acompañados por outro axente funcionario de carreira e desenvolven as funcións propias da policía local, como poden ser regulación do tráfico, control de documentación, control dos mercados, control dos horarios, telecomunicacións ou seguridade cidadá.

Colaboración coas policías locais

O director xeral aproveitou a ocasión para eloxiar a actuación e bo facer dos corpos da policía local, a máis próxima á cidadanía, e destacou a súa profesionalidade e bo facer. Así mesmo, destacou o papel da academia como ente formador das policías e ademais como elemento unificador e punto de encontro entre os profesionais de toda Galicia. Neste sentido, recordou que ata o 12 de setembro está aberto o prazo de inscrición para a súa formación no segundo semestre.

Ademais da formación, a Xunta -no marco das súas competencias en materia de coordinación- traballa moi de preto coas policías locais, atendendo ás súas demandas de información e de desenvolvemento da normativa. Tamén colabora a través da dotación de medios técnicos. Así, por exemplo, en 2015 o concello de Baiona recibiu do Goberno galego unha moto e un vehículo policial.

Centralización das oposicións

Nesta liña de colaboración, cómpre recordar o protocolo asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a colaboración na realización das probas selectivas nos corpos da Policía Local de Galicia, co obxectivo de centralizar os procesos selectivos daqueles concellos que así o desexen na Academia Galega de Seguridade Pública.

Con este protocolo o que se pretende é favorecer a calidade dos procesos selectivos, asegurar a cobertura das prazas solicitadas e en definitiva acadar unha policía local cada vez máis profesional e competitiva que garde os dereitos dos cidadáns o máis profesionalmente posible. Actualmente, o decreto que desenvolve e regula esta iniciativa está en tramitación.

23 de agosto de 2017 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.