publicidade hoxe

A Agadic colabora co Marisquiño de Vigo nun cartel musical con máis dunha vintena de propostas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaVigo
A-
A+

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) repite este ano como entidade colaboradora do festival O Marisquiño de Vigo. En concreto, a entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia economicamente o cartel musical desta décimo sétima edición do macroevento de cultura urbana e deportes extremos, con máis de vinte propostas de rock, punk ou electrónica que terán lugar do 11 ao 13 de agosto.

Os concertos, que se desenvolverán entre as 21,30 e as 2,00 horas na praza da Estrela, no peirao de Transatlánticos e no Espazo Mahou, serven de complemento ao programa estritamente deportivo, que conta tamén coa colaboración da Xunta e que reúne atletas de elite de Europa, América e Asia en disciplinas como BMX, Skateboarding, FMB Dirt Jump, MTB Downtown, Flatland, Motocross e Motonáutica. Ademais, no Marisquiño volverán ocupar un lugar destacado outras propostas como o break dance ou o graffiti.

A organización agarda que máis de 160.000 persoas gocen desta programación, que dota O Marisquiño dunha marca con personalidade propia como a gran cita coa cultura urbana do norte peninsular.

Na súa oferta musical, que inclúe concertos e sesións DJ de acceso gratuíto, teñen unha gran presenza os artistas de Galicia, de onde proceden máis da metade dos que conforman o cartel desta edición. Así, na praza da Estrela actuarán TR3S (Santiago de Compostela), Jas Processor (Cangas), Banana Bahía Music (Vigo), Overdose DJ’s (Vigo) e Lopes (Camariñas). No peirao de transatlánticos estarán Nave Nodriza (A Coruña), DJ Morcego (Santiago), Playa Desmayo (A Coruña), DJ Juan (Vigo) e Kings of the Beach (Vigo), mentres que os concertos de Presumido (Vigo) e Mounqup (Ourense) terán lugar no Espazo Mahou.

Completan este cartel propostas chegadas doutros puntos da península, como as de Galera, Killimanjaro, Trono de Sangre, Airaboi, 7 Notas 7 Colores, Grotèsque, Willis Drummond, Dj Pegatas ou Aries.

9 de agosto de 2017 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.