publicidade hoxe

Xunta e hostaleiros alíanse para concienciar á sociedade sobre a necesidade dun uso responsable da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na presentación da campaña aos hostaleiros da Coruña. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na presentación da campaña aos hostaleiros da Coruña. Foto: M. Fuentes

A Xunta de Galicia e os hostaleiros da Coruña colaborarán para concienciar á sociedade sobre a necesidade de facer un uso responsable da auga. Será a través dunha acción puntual dentro da campaña Usa a auga con cabeza, iniciada a pasada semana pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á que agora se suma a Asociación Provincial de Hostalería da Coruña. Este acordo para a cooperación chega tras un encontro que a titular do departamento autonómico mantivo hoxe co máximo representante da asociación, Héctor Cañete.

Así, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, a acción consistirá na pegada de adhesivos nos espellos dos aseos dos establecementos asociados co fin de recordarlle aos clientes e aos traballadores do sector a importancia de aforrar no consumo dun recurso “imprescindible como fonte de vida, pero finito”. De aí, engadiu Beatriz Mato, a oportunidade de contar coa colaboración dos empresarios da hostalería, unha actividade que durante a tempada estival aumenta considerablemente ata o punto de converterse no sector empresarial que máis auga demanda.

A idea é, polo tanto, comezar co reparto de 25.000 adhesivos e 10.000 carteis informativos entre as máis de 1200 empresas hostaleiras da Coruña para, posteriormente, trasladar a iniciativa ao resto das provincias e poder chegar, así, aos case 7000 establecementos rexistrados na Comunidade autónoma.

Concretamente, os adhesivos que se repartirán na provincia da Coruña levarán impreso un deseño rechamante e moi representativo da zona como son uns elefantes paseando polas inmediacións da Torre de Hércules, mentres que no resto da Comunidade optarase pola imaxe dun leopardo que percorre a Praia das Catedrais. Dun modo ou outro, o que se pretende é incidir en que Galicia, pese a non ter características dunha terra de seca, é posible que nun futuro vexamos as consecuencias se non facemos un uso racional da auga.

Previsións meteorolóxicas

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que as condicións meteorolóxicas imperantes durante a primeira quincena de xullo, con predominio anticiclónico pero interrompido pola chegada momentánea dalgunhas áreas de inestabilidade, é previsible que se manteña durante o resto do verán, polo que xustifica aínda máis o desenvolvemento desta campaña e, especialmente, desta acción puntual en colaboración cos hostaleiros.

A máis de que na tempada estival a capacidade de recarga dos encoros diminúe, a responsable do departamento autonómico lembrou que Galicia continúa desde o pasado mes de xaneiro en situación de prealerta por posibilidade de seca debido ao baixo caudal dos ríos. Con todo, “o abastecemento á poboación está garantido”, afirmou Beatriz Mato.

Consellos

Por iso, é necesario que a sociedade sexa consciente da importancia de sermos responsables en relación ao consumo da auga. Un obxectivo que se pode alcanzar se temos en conta algunhas recomendacións, que atoparemos nos carteis informativos que se repartirán entre os establecemos colaboradores. Son, en definitiva, cinco consellos, cinco xestos sinxelos cos que podemos contribuír a reducir o consumo deste recurso. Por exemplo, enchendo o lavalouzas ou lavadora aforramos 80 litros, ducharnos en lugar de bañarse, 200 litros; revisar posibles fugas cando imos de viaxe e mesmo optimizar o uso de auga en accións como lavar o coche ou regar.

Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a reunión cos hostaleiros coruñeses para falarlles doutras medidas que, dentro do seu ámbito, poden axudar a diminuír o uso da auga. Así, invitounos a optar polo lavado autonómico en vez de manual, aproveitar a carga do tren de lavalouzas, utilizar un cepillo para eliminar os restos de comida antes de introducir os pratos na máquina, empregar a aparatos de xeo refrixerados por aire e evitar desconxelar produtos baixo a billa.

Finalmente, Beatriz Mato agradeceu aos hostaleiros que tomasen nota destas recomendacións e, sobre todo, a súa participación na campaña Usa a auga con cabeza.

19 de xullo de 2017 | 14:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.