publicidade hoxe

Xunta e Concello de Viana do Bolo impulsan as infraestruturas rurais e a ordenación do pastoreo no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViana do Bolo
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu ao alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, con quen tratou diferentes cuestións relativas á mellora do agro neste concello ourensán. O impulso ás infraestruturas rurais e o fomento e ordenación do pastoreo neste municipio centraron a xuntanza de traballo.

Así, en materia de infraestruturas, a conselleira e o rexedor acordaron continuar impulsando o acondicionamento e mellora da Oficina Agraria Comarcal, co fin de optimizar os diferentes servizos que se ofrecen aos agricultores e gandeiros da zona nestas instalacións.

Tamén neste eido avaliaron as achegas da consellería para a renovación de camiños rurais de titularidade municipal. Este ano Medio Rural destinará un total de 69.701,81 euros para estes labores no devandito concello. Será dentro do plan de acondicionamento de vías elaborado por este departamento da Xunta para mellorar a calidade de vida dos veciños, propiciar a cohesión territorial e fixar poboación no rural.

Pastoreo

Con respecto ao fomento do pastoreo, Ángeles Vázquez e o alcalde avanzaron na posta en marcha do plan elaborado pola consellería para a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona do macizo central ourensán, que beneficiará a diferentes concellos, entre eles o de Viana do Bolo. O principal obxectivo desta iniciativa é a ordenación silvopastoril, racionalizando o aproveitamento do monte e evitando tanto as cargas excesivas ou insuficientes como o seu abandono. Trátase, ademais, dun método eficaz para o control da vexetación arbustiva e, xa que logo, para a prevención dos incendios forestais.

Este plan de pastoreo aplicarase entre este ano e o vindeiro, empezando por realizar unha radiografía da situación dos pastos, a estrutura e distribución do gando no monte e as necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc. A partir desta análise pormenorizada levarase a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos, cos que se consensuará, en todo momento, a posta en marcha do plan.

5 de xullo de 2017 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.