publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 40 rapaces rematan o curso da Campaña de Vela da Deputación en Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPonteceso
A-
A+

Os 40 rapaces e rapazas dos concellos da zona de Bergantiños e a Costa da Morte que participan na Campaña de Vela 2017 da Deputación da Coruña rematan mañá os cursos de navegación que tiveron lugar en Ponteceso durante toda a semana.

Estas actividades, que imparte a Federación Galega de Vela, están dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos, e se desenvolven no porto de Corme. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos practicaron as disciplinas de vela lixeira e windsurf durante dous días cada un. Durante o día de hoxe, cada participante pode escoller a modalidade que máis lle gustou para poder repetila unha vez máis.

O curso inclúe clases teóricas para que os rapaces coñezan o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación a vela, afianzar conceptos, resolver dúbidas e explicar os distintos exercicios a realizar. Así mesmo, realizaron un obradoiro de elaboración de nós mariños. A parte práctica consistiu no desenvolvemento de diferentes exercicios de vela lixeira e de windsurf, baixo a supervisión dos monitores.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en diferentes concellos da provincia, acollendo en cada un aos rapaces e rapazas pertencentes ao ámbito comarcal de cada sede. Tras realizarse en Mañón, Bergondo e agora en Ponteceso, a semana que vén terán lugar en Corcubión, acollendo a preto de corenta rapaces da zona de Fisterra e Terra de Soneira.
Posteriormente, tamén se desenvolverán os cursos para a zona de Santiago e Barbanza, que terán lugar en Muros e A Pobra. A inscrición segue aberta para estes últimos cursos, e pódese formalizar entregando no concello a ficha que se pode descargar da páxina web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal/deportes). A cota de inscrición é de 25 euros.

20 de xullo de 2017 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.