publicidade hoxe

Un total de 11 aspirantes preséntanse á praza de director técnico da Real Filharmonía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Consorcio de Santiago está a avanzar no proceso selectivo para cubrir a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG). Xa se fixo pública a relación definitiva de admitidos -aínda que con carácter de confidencialidade- e, dos 11 aspirantes que se presentaron á convocatoria, finalmente resultaron todos admitidos.

Por outro lado, tamén se fixo pública a composición do tribunal que avaliará aos candidatos. Estará composto por un total de nove integrantes, ademais do secretario (sen voz e sen voto) e cadanseu suplente. O presidente será o director titular da orquestra, Paul Daniel. Os vogais serán a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; a coordinadora de actividades externas da Agadic, María Paredes; a xerente da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias e presidenta da Asociación Española de Orquestas Sinfónicas (AEOS), María Jesús Mateo; o director-xerente da Fundación Baluarte (Goberno de Navarra), Félix Palomero; a secretaria-interventora da Orquestra Sinfónica de Galicia, Olga Dourado; o director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez; e, en representación dos traballadores da Real Filharmonía de Galicia, María del Carmen Lorenzo e José Vicente Faus. O labor de secretaria, sen voz e sen voto, recaerá na arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga.

O tribunal reunirase, como mínimo, dúas veces, sempre baixo a presidencia do director titular da orquestra, Paul Daniel. A primeira será ao longo deste mes de xullo para realizar a valoración de méritos de cada un dos aspirantes. E o 14 de setembro terán lugar as entrevistas persoais, no Auditorio de Galicia. O mesmo día, unha vez rematadas as entrevistas, levarase a cabo a proba de coñecemento do galego para aqueles candidatos que non presentaran acreditación de ter superado o Celga 4 ou equivalente.

Na anterior convocatoria, que tivo lugar en 2016, o tribunal deixara a praza deserta, debido a que os aspirantes presentados non alcanzaran o nivel desexado.

12 de xullo de 2017 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.