publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Redecinema levará filmes en galego a 16 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSanxenxo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)- pon en marcha a segunda edición do programa Redecinema, que -tras difundir por toda Galicia o filme “Vilamor” na súa primeira edición- levará a 16 concellos da Rede de Dinamización Lingüística as (co)producións galegas “Maimiño”, “A praia dos afogados” e “9 ondas” en formato de cinema de verán.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de presentar hoxe en rolda de prensa “un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia, precisamente nunhas datas en que moita xente goza duns días de vacacións e precisamente en Sanxenxo, un dos centros turísticos estivais máis relevantes da nosa comunidade”.

A canda o secretario xeral, participou na rolda de presentación Paz Lago, concelleira de Educación, Cultura e Mocidade de Sanxenxo, onde se abrirá mañá ás 22:30 horas esta segunda edición de Redecinema coa proxección do filme “Maimiño” na praza dos Barcos do Concello de Sanxenxo.

16 localidades en xullo e agosto

Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Sanxenxo e Soutomaior en Pontevedra son as 16 localidades da Rede de Dinamización Lingüística onde se celebrarán na segunda quincena de xullo e ao longo de todo agosto as proxeccións ao aire libre dos mencionados filmes galegos. O calendario do programa poderá verse no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e na Axenda de Cultura de Galicia (www.cultura.gal/axenda).

Verán en galego

De acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega, o programa de dinamización lingüística Redecinema persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.

Rede de Dinamización Lingüística

Os destinatarios do programa Redecinema, que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve a través da AGADIC e das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, son os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A RDL é unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca a asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción e no uso da lingua galega no ámbito local para impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e de optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.

20 de xullo de 2017 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.