publicidade hoxe

Oleiros licita por 800.000 euros as obras do Plan Único da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOleiros
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación de cinco obras que financia o Plan Único da Deputación no concello de Oleiros. A institución provincial destina preto de 800.000 euros a estes traballos, que se atopan entre os primeiros da provincia en saír a licitación con cargo ao novo plan.

A través do Plan Único, a Deputación achega un total de 1.119.796 euros ao concello de Oleiros, para financiar as cinco obras que xa se están licitando e 322.959 euros do gasto corrente municipal, que se utilizará para custear os servizos de limpeza viaria.

En canto ás obras, a Deputación destina 370.248 euros a un proxecto para mellorar e reparar as capas de rodadura na rúa Tierno Galván (parroquia de Maianca), as rúas da Luz e Laxeiro (parroquia de Nós), a rúa do Faro (parroquia de Iñás), a Rúa da Cova (Oleiros), a rúa dos Niñós (Perillo) e as rúas do Campo e Castro da Vixía (parroquia de Dexo).

Estes viais atópanse en mal estado de conservación debido ao paso do tempo, ao desgaste provocado polas choivas e as xeadas ou á realización de obras. Para reparar estas carencias, abriranse novas cunetas, fresarase e varrerase o firme, demoleranse os pavimentos e se estenderá unha capa de regulación.

Posteriormente, formaranse e gabias revestidas de caz ou formigón e se instalará a rede de recollida de augas pluviais, os pozos de rexistro e as reixas dos sumidoiros.

Unha vez rematados estes traballos, estenderase a nova capa de pavimentación e repintaranse as sinalizacións viais. Asemade, na rúa Laxeiro farase outra escavación co obxectivo de instalar unha rede de abastecemento de auga.

Outro dos proxectos do Plan Único que saen hoxe a licitación é a a pavimentación da Avenida das Américas (Perillo) e a rúa Curruncho (Dorneda). Neste caso, a achega provincial é de 119.669 euros e as obras terán unha duración aproximada de dous meses, incluíndo o fresado e a repavimentación do firme e a instalación dun novo sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais.

Abastecemento e saneamento en Iñás e Dorneda

O Plan Único da Deputación tamén financia tres proxectos para mellorar as redes de saneamento e abastecemento nas parroquias de Iñás e Dorneda.

Preto de 140.000 euros destínanse a ao peche do circuíto da rede de abastecemento de auga entre o polígono industrial de Iñás e O Campamento. Esta rede, que foi instalada hai máis de 30 anos, presenta constantes avarías e roturas, o que supón cortes no abastecemento e unha importante diminución da calidade do servizo.

As antigas tubaxes substituiranse por outras de fundición dúctil, que contan cun período de vida útil de máis de 21 anos. Tamén se demolerá e levantará o pavimento e as beirarrúas, para escavar as novas gabias onde se asentarán as tapas das arquetas, pozos e rexistros.

Con estas actuacións, conseguiranse melloras no servizo coma a diminución dos cortes, a redución dos gastos de mantemento ou evitar a execución de gabias cada vez que se arranxan as tubaxes, que producen tamén cortes de tráfico.

Un proxecto similar tamén se executara entre o depósito de Sarro e a intersección da rúa Fontes coa avenida Espoz e Mina, na parroquia de Iñas, contando cun orzamento de 136.855 euros.
Por último, acometerase a renovación dos pozos de saneamento na rúa Benito Feijoo (Dorneda), que se atopan moi degradados debido a súa antigüidade de máis de 20 anos. A Deputación destina a estas obras 32.207 euros e terán unha duración estimada de dous meses.

14 de xullo de 2017 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.